Os socialistas mosenses rexistraron unha moción cunha proposta que trata de non violentar ás familias con necesidades dependentes das doazóns municipais
Dende o PSOE de Mos relatan que “recentemente tivo lugar a visita dos Reis Magos a tódalas vivendas mosenses, ca problemática suscitada ao visitar a un grupo de rapaces nas instalacións do Multiusos; actividade que ven sendo recorrente nestas datas para facer entrega dos agasallos, á rapazada das familias cas que colabora servizos sociais”. Este feito “lévase anos afeando en tódolos concellos, por provocar unha división entre os nen@s que encontran o seu agasallo baixo a árbore e o grupo que ten que acudir a actividade programada”.
Por outra banda, os socialistas din atoparse nun risco similar “as familias que acoden as instalación municipais a recoller a bolsa con comida, na periodicidade marcada polo Concello. Situación que pode resultar violenta para as familias, para os voluntarios encargados de xestionar dita tarefa e que pode derivar en momentos incómodos”. Son familias que están atravesando unha mala racha “e para o seu estado anímico, pode resultar beneficioso acudir a un supermercado a facer algo tan sinxelo para calquera familia como unha compra”.
O grupo de oposición critica que “ámbalas dúas cuestións soen ser obxectivo de fotografías, tanto dos representantes do Concello cos alimentos coma cos xoguetes, voluntarios, persoal municipal e incluso usuarios que sen expoñer o rostro, aparecen de costas podendo ser identificados polos seus coñecidos”.
A agrupación do PSdeG-PSOE de Mos demanda “que toda labor que se fai dende Servizos Sociais débese tratar ca máxima cautela, entendendo que estes colectivos non deben padecer ningún tipo de exclusión e protexendo sempre a súa identidade”.
Polo exposto, dende o PSdeG de Mos propoñen a través dunha moción “a creación dunha tarxeta de crédito en colaboración cun dos establecementos da localidade, marcando aqueles produtos alimenticios ou de hixiene que estean prefixados, e que sexa entregada as familias”. Deste xeito “poderían acudir a facer a súa compra de forma normal e sen sentir ningún tipo de reparo”. Da mesma forma “poden dispoñer dunha cantidade económica a maiores na tempada de Nadal, para mercar os agasallos, ou que lles sexan entregados para que poidan colocalos debaixo da súa árbore”, rematan os socialistas.