Sabela Landín 19/01/2022
biblioteca

O edificio levará o nome de María Magdalena e a contratación da obra iniciarase nas vindeiras semanas

A consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia subvenciona tamén parte desta mellora.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaba esta mañá en Pontevedra, xunto coa presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, o convenio de colaboración entre as administración local e provincial para a acometida da reforma integral da Biblioteca Municipal que levará o nome de María Magdalena.

Ata o de agora prevíase unha reforma cun orzamento de 481.375,53 € do que se financiaría con cargo ao Reacpon da Deputación de Pontevedra 361.031,65 €, o 75% do total, e os 120.343,88 € restantes (o 25%) asumiríaos o Concello con fondos propios municipais.

Sen embargo, tras unha recente reunión en Santiago de Compostela da rexedora municipal co Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, este avanzoulle a Arévalo que o proxecto contará con financiación autonómica de 250.000 euros repartidos en dúas anualidades. Polo que o orzamento total da obra ascenderá, dos 481.375,53 € previstos inicialmente, a máis de 600.000 euros.

Coa achega económica da Xunta aportaranse os máis de 120.000 euros de achega municipal e ampliarase o proxecto de mellora incluíndo a maiores o acondicionamento dun novo espazo de biblioteca para uso exclusivo infantil, co fin de fomentar a lectura na primeira infancia. Espazo para contacontos, esparexemento, lecer e lectura. Un recuncho exclusivo evitando os ruídos nas outras zonas da biblioteca.

Durante o acto de sinatura do convenio con Carmela Silva a alcaldesa mosense destacaba a importancia da “reforma integral da Biblioteca Municipal e especialmente que será bautizada co nome da Poeta María Magdalena, emblema das letras mosenses, falecida o pasado agosto. Foi a gran poeta da Louriña, Medalla ao Mérito do Concello de Mos, cunha longa traxectoria persoal e literaria que se prolongou durante case un século. Toda unha vida de entrega, traballo e creación artística. Naceu en Mos e desde moi novo foi moi afeccionada á lectura, especialmente de poesía e sempre tivo unha gran inquietude por aprender. Aprendeu a ler e escribir grazas á súa nai, ata que empezou a ir á escola. Empezou a escribir poesía e, durante anos, ninguén da súa contorna o sabía. Muller exemplar que foi unha pioneira da literatura, da reivindicación do papel da muller no rural, tanto no ámbito doméstico como profesional, intelectual, cultural e artístico. A poeta de Mos, da miña mesma parroquia, foi unha traballadora e loitadora incansable. Exemplo para min e para tantas mulleres do municipio e da comarca, referente e estela a seguir. O camiño por ela percorrido abriunos portas ás mulleres de xeracións posteriores”.

E tamén salientou Nidia Arévalo que “desde o Concello de Mos tamén estamos moi orgullosos de que o proxecto da mellora da Biblioteca e Xulgado de Paz de Mos, sexa autoría doutra muller mosense de gran talento, da arquitecta local Estefanía Grandal, xunto con Ludmila Castro, que a acompaña neste proxecto. Grandal é unha arquitecta en pleno despunte profesional, por ter recibido dous premios autonómicos pola Escola Infantil a Galiña Azul da Veigadaña (premio COAG 2019 e Premio de Arquitectura de Galicia 2020) e por atoparse tamén inmersa noutro proxecto de reforma integral xusto ao carón do da Biblioteca: o da Escola Infantil da Porteliña”.

Detalles do proxecto

A actuación que pretende conseguir un edificio caracterizado polo uso de materiais espidos, destacando a expresión natural dos mesmos. A da Porteliña trátase dunha edificación de planta baixa e planta primeira cunha superficie construída total de 317,81
m2, con forma rectangular e materializada con cuberta a catro augas e fachada de pedra rosa Porriño con canto de forxado vistos.

Para a mellora integral programada pártese do cerramento de pedra existente e dos elementos estruturais en formigón visto. Con iso de base, introdúcense os metais en zinc e aluminio anodizando natural que apoian a rehabilitación para conseguir un resultado interior de maior confort: carpinterías exteriores e cuberta. O interior da biblioteca manterá a mesma esencia que o exterior. Neste caso, será a madeira, na súa expresión natural, a principal protagonista.

Con ela búscase achega a calidez necesaria neste tipo de uso. Xeráronse mobles a media altura que van moldeando un único espazo para conseguir ambientes máis reducidos e íntimos. Búscase non romper o contacto visual do espazo na súa totalidade; dispoñendo de espazos polivalentes e zonificados para xerar unha maior sensación de confort.

Ademáis propóñense unha serie de mellorías para garantir o confort térmico e visual: mellora do illamento térmico da envolvente do edificio, instalación de novos equipos de produción de calor ou frío, mellora das instalacións de iluminación, implantación de equipos de contabilización, e monitoraxe de datos. E agora, grazas a aportación económica da Xunta de Galicia, anúnciase que o proxecto de mellora incluirá a maiores o acondicionamento dun novo espazo de biblioteca para uso exclusivo infantil. ‘Biblioteca Municipal María Magdalena’, así se chamará o edificio sito na Porteliña, parroquia de Petelos, que alberga tamén o Xulgado de Paz de Mos, e que o Concello reformará mediante este proxecto de mellora integral. O procedemento de contratación da obra iniciarase nas vindeiras semanas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad