Participará en catro actividades “Río Miño, un destino navegable”, “Descubre as xudarías de Galicia”, “As Mulleres no Camiño Portugués” e “Destinos de Sefarad”
Tui estará presente esta semana en Fitur, a Feira Internacional de Turismo, que dende este mércores 19 até o domingo 23 se celebra en Madrid. Esta é unha das principais citas do sector turístico a nivel internacional.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, desprazarase este mércores e xoves a Madrid para participar nas distintas actividades nas que Tui estará presente con protagonismo propio. Enrique Cabaleiro, valora moi positivamente esta presenza tudense no principal escaparate do turismo a nivel nacional e internacional o que reflicte o importante traballo que neste sector realiza o municipio tudense.
Por unha parte no stand de Turismo de Galicia o Concello de Tui participará nas seguintes actividade:
- Mércores 19 ás 15.00 horas presentación de “Río Miño, un destino navegable” organizado polos concellos de Tui e Salvaterra de Miño en colaboración con Turismo de Galicia, para presentar este novidoso e ilusionante proxecto de creación dun produto turístico que poña en valor o río Miño e a súa dimensión transfronteiriza.
- Mércores 19 ás 15,30 horas presentación de “Descubriendo las juderías galllegas: Monforte de Lemos, Ribadavia y Tui” na que participarán os rexedores das tres cidades galegas xunto á Directora de Turismo de Galicia e a xerente da Red de Juderías de España -Caminos de Sefarad, e servirá para presentar as guías do patrimonio xudeu destas tres cidades galegas.
- Xoves 20 ás 10.30 horas presentación do proxecto “Mulleres do Camiño Portugués” organizado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e que presentará un vídeo promocional sobre esta ruta xacobea
Amais o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, no stand da Red de Juderias de España – Camiño de Sefarad, o xoves ás 12.30 h na presentación do proxecto do libro “Destinos de Sefarad”, segundo da colección da Red de Juderías. Por cuarto ano a Red de Juderías participa cun stand propio en Fitur, neste ano cun tapiz virtual que ocupará a totalidade da superficie do stand no que se proxectará un mapa coas cidades integradas na asociación e mediante un código QR os visitantes terán acceso a unha viaxe virtual, dun minuto, na que se achegarán ao legado xudeu de cada municipio.
A deste ano 2022 é a primeira ocasión na que Tui está presente en ata catro eventos nesta feira de singular transcendencia para o sector turístico. A importante aposta que realiza o Concello de Tui pola divulgación e promoción dos recursos turísticos da nosa cidade contribuirá certamente á dinamización do sector turístico tudense, ofrecendo novas oportunidades de emprego e negocio para os nosos cidadáns.