Accidentes de tráfico e incidencias na circulación, eventos culturais e deportivos, animais soltos e servizos sanitarios foron as intervencións máis numerosas
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui realizou ao longo do 2021 un total de 242 servicios empregando nos mesmos 1.583 horas. A súa intervención foi requirida a través do 112, da Policía Local, do Concello ou entidades locais. Os voluntarios da agrupación, pese a non estar operativos ao 100%, foron quen de acudir ao 75% dos servicios solicitados.
Os accidentes de tráfico e incidencias de circulación centraron a meirande parte dos servicios con 62 e 30 intervencións. Amais membros de Protección Civil colaboraron o ano pasado en 28 eventos culturais e 27 eventos deportivos. Foi requirida a súa intervención en 22 ocasións pola presencia de animais soltos, e en 21 ocasións por incidencias varias. Ao longo dos últimos 12 meses dende Protección Civil de Tui realizaron 20 servicios sanitarios, acudiron a 13 incendios urbanos e 4 forestais, así coma a 7 accidentes laborais. Tamén acudiron en 5 ocasións a retirar árbores caídas e colaboraron na busqueda de 3 persoas desaparecidas.
Por outra parte cómpre destacar o evento solidario organizado pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil a favor de SOS Tomiño Baixo Miño no Teatro Municipal no mes de decembro no que recolleron 3,1 toneladas de alimentos non perecedoiros.
Dende o Concello de Tui quérese amosar o agradecemento a todas as persoas voluntarias que integran esta Agrupación polo seu labor solidario e altruísta. Así o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, destaca a gratitude á este colectivo “polos seus desvelos en actuacións dirixidas a evitar danos e perigos para os cidadáns, sendo conscientes pola nosa parte que isto implica un indubidable sacrificio persoal”.