Liderado por Utingal,o proxecto da empresa tudense trátase dun dos 11 apoiados a través do programa Conecta Hubs aos que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación -Gain- destina un total de 6,4 millóns de euros
A iniciativa conta co apoio estratéxico de Airbus e, xunto con Utingal, participan nela outras catro empresas, o centro tecnolóxico Cetim e a Universidade de Vigo
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación –Gain-, vai colaborar con Utingal no desenvolvemento da primeira solución integral de reciclaxe de poliamidas procedentes do sector aeronáutico para o seu aproveitamento en tecnoloxías avanzadas como a impresión 3D. Trátase dun dos 11 proxectos apoiados a través do programa Conecta Hubs aos que a Administración autonómica destina un total de 6,4 millóns de €.
Esta iniciativa, de nome Replay, conta co apoio estratéxico de Airbus e, xunto con Utingal, participan nela outras catro empresas para dar resposta ás tres grandes áreas deste proxecto: química, mecánica e de automatización e control. Ademais, colaboran o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial –Cetim- e a Universidade de Vigo, que achegarán as súas capacidades de investigación ao proxecto.
Nunha visita que a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, realizou nos últimos días ás instalacións de Utingal, en Tui (Pontevedra), destacou a “ampla experiencia” desta empresa no ámbito aeronáutico e mecánico; así como o apoio que lle vai prestar a firma Moveratus, para a programación e automatización de procesos de fabricación, e MSS Seidor, no deseño dun software para optimizar o aproveitamento da materia prima. Tamén colaboran Enso Innovation e Ecoplas Barbanza.
Cun orzamento total de case 700.000 €, que a Xunta apoia con máis de 410.000 €, Patricia Argerey apuntou que, aínda que esta primeira experiencia se realizará no sector aeronáutico, a vocación deste proxecto é desenvolver o prototipo, levalo ao mercado e empregar o equipamento en calquera ámbito da industria plástica. Ademais, o desenvolvemento dun novo material permitirá novos usos para un subproduto que contribúe a un proceso de economía circular.
O programa Conecta Hubs
O programa Conecta Hubs é unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 e orientada a promover accións colaborativas desenvolvidas por agrupacións de empresas nas áreas de especialización dos hubs de innovación dixital estratéxicos para a Comunidade e apoiados polo Goberno galego (Dihgigal e DATAlife).
Estas axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dirixidas especialmente a pemes, mobilizarán un total de 9,8 millóns de euros, ao sumar a estes apoios autonómicos 3,4 millóns de financiamento privado. Ademais, foméntase a xeración e consolidación de emprego de alta cualificación, xa que na súa execución participarán 220 profesionais das TIC e expertos en innovación e dixitalización.
Nos proxectos están implicadas 45 empresas, das cales 39 son pemes e seis grandes compañías cun importante efecto tractor. A metade das firmas que liderarán e executarán os proxectos (22 das 45) pertencen ao sector das TIC. Outros ámbitos implicados nas iniciativas son o da automoción, alimentación, pesca e acuicultura, o gandeiro, o forestal e o téxtil.
Ademais, atendendo á localización xeográfica das empresas que liderarán e executarán os proxectos, 19 das 45 compañías desenvolverán a súa actividade en Pontevedra, a provincia galega máis representada neste programa.
A directora de Gain destacou o “grande interese” que espertou esta convocatoria e o “alto nivel” dos proxectos presentados que, segundo dixo, contribúen a impulsar a “un tecido produtivo máis dixitalizado, innovador e sustentable”, mellorando a competitividade das pemes e consolidando os hubs de innovación dixital de Galicia.