Será o domingo 2 de xaneiro e reunirá ás 4 agrupación mosenses xunto ás duas porriñesas
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantiveron hoxe dúas xuntanzas -no Concello do Porriño e na rotonda das Angustias- nas que acordaron a celebración conxunta dun desfile, coa participación das rondallas de ambos concellos cun cruzamento en dous puntos; que terá lugar o vindeiro domingo 2 de xaneiro, se as condicións meteorolóxicas o permiten.
Esta tarde reuníronse os responsables das catro rondallas de Mos -Santa Eulalia, Herville, Santiaguiño de Guizán e Torroso- e as dúas de Porriño -Santa Eulalia de Atios e Asociación Cultural Musical de Pontellas- para resolver os detalles da posta en escena do desfile.
A idea é que tres rondallas partan da rotonda de Costilleta en Mos e as outras tres, dende a avenida Domingo Bueno e da rúa Antonio Palacios, no Porriño.
Ambos rexedores indicaron que, en todo caso, a celebración do evento ao aire libre realizarase cumprindo estrictamente cos protocolos anti-Covid esixidos pola autoridade sanitaria, e coa vixilancia da Policía Local de ambos Concellos.
Ademais, ambos Concellos dotarán de prazas de aparcamento alternativas para os compoñentes das rondallas e o público que acuda ao desfile ao longo do percorrido. O desfile será retransmitido por “streaming”.
O alcalde Lorenzo manifestou que “considerando que somos dous pobos irmáns e que queremos confraternizar e compartir diversas actividades, decidimos facer un certame conxunto de rondallas na rúa para disfrute de todos”.
Co obxectivo posto na boa relación entre ámbos concellos, Nidia Arévalo avanzou que “tratamos de asuntos en común como o deslinde e a auga. Abrimos un novo tempo que se vai caracterizar pola total colaboración entre ambos concellos”, anunciou a rexedora de Mos. Pola súa banda Alejandro Lorenzo valorou que “temos moitas sinerxías e a cooperación necesaria entre os dous municipios permitirá tamén aforrar custes”.