Laura Seara, creadora desta campañapara o fomento e adquisición de xoguetes non sexistas e non violentos, agradeceu “a actitude e compromiso” da presidenta “que converte á Deputación nun faro para a igualade en Galicia e en España”
Este Nadal búscase a Talento, a personaxe protagonista da nova campaña da Deputación para a adquisición e uso de xoguetes e xogos non sexistas e non violentos, que vai promover dende a vindeira semana. A novidade desta campaña que conciencia cada ano para educar en igualdade ás e aos máis pequenos da casa, é que por vez primeira se artellará a través dun concurso creativo dirixido á comunidade educativa
“Temos que ter a intelixencia de intentar chegar a quen pode cambiar o mundo. As mestras e mestres teñen un enorme poder, as nais e pais tamén, pero as nenas e os nenos son o presente e o futuro. Precisamos nenas e nenos educadas e educados en igualdade, que asuman que o mundo é de todas e de todos” reivindicou Carmela Silva na presentación desta “novidosa, rompedora e moi educativa” campaña ‘Búscase a Talento’. No acto de arranque, participaron Laura Seara, a creadora da campaña e socia fundadora de Red Talento Consultoras, Marta Piñeiro, a súa directora, e a ilustradora Patricia Joga.
“Búscase a Talento”, o “primeiro concurso creativo igualitario” como así o denominou Carmela Silva, ten por obxectivo crear un personaxe chamado “Talento”, que representa toda a creatividade, liberdade e gustos das nenas e dos nenos, afastados dos roles e estereotipos de xénero e da violencia. A vindeira semana enviarase a 216 centros públicos de primaria da provincia un total de 15.000 carpetas e unha carta informativa coas bases do concurso. Nas carpetas haberá un cartón, que será a base da careta de “Talento”, e recortables para que as nenas e nenos combinen e creen o seu personaxe. En www.depo.gal colgarase tamén un catálogo de complementos adicionais para que a rapazada poida descargar, imprimir e empregar unha e outra vez aínda que soamente unha careta pode presentarse ao concurso. Terán de prazo ata o 15 de xaneiro para enviar a proposta en formato .jpg ou .pdf a participa.igualdade@depo.gal, xunto co nome da nena/o, a súa idade e o centro ao que pertence. Haberá un primeiro premio que será unha actividade didáctica e un lote de material educativo igualitario para o centro educativo e, para a nena gañadora ou neno gañador a posibilidade de publicar un conto coa axuda dalgunha escritora de renome e dalgunha ilustradora. Tamén dous accésits que consistirán nun lote de material educativo igualitario para o centro e nun regalo didáctico para a nena ou neno.
“Os xogos crean pensamento”
“Os Xogos son un elemento fundamental da aprendizaxe para adquirir coñecemento” asegurou Carmela Silva, que tamén aproveitou a presentación da campaña para facer un chamamento aos medios de comunicación, fabricantese empresas vendedoras de xoguetes e xogos: “non pode ser. Dende que nacemos estánsenos a regalar xogos e xoguetes cunha clara intención, que é que as mulleres non sexamos iguais. Hai moitas familias que educan en igualade pero teñen que loitar contra o grande peso do que acontece na contorna. Precisamos compromiso, precisamos que todas e todos busquemos o talento, o único que importa e o único que podemos e debemos valorar”. Partindo destas premisas xorde a campaña “Búscase a Talento” dirixido ás familias, mestras e mestres e nenas e nenos de 3º e 4º de primaria dos colexios públicos da provincia. “Este ano damos un paso máis porque sabemos que soamente con acción se transforma a realidade, que a educación é unha das cuestións fundamentais para rachar cos marcos do patriarcado, cunha sociedade machista, onde as mulleres temos dificultades para acadar e ocupar espazos”.
Pola súa banda Laura Seara, creadora da campaña, á que Carmela Silva cualificou como “unha das máis relevantes expertas do Estado en igualdade, cunha longa traxectoria en defensa das mulleres e grande referente en crear espazos e proxectos que impulsen a igualdade”, destacou que se trata dunha campaña “roqueira, travesa e ecoloxista” xa que “tamén se quixeron incorporar os criterios da sustentabilidade e os ODS da Axenda 2030 cos que tamén ten un firme compromiso a Deputación”. Seara aproveitou a ocasión para agradecer “a actitude e compromiso político” da presidenta que ten convertido á institución provincial “nun faro para as políticas de igualdade en Galicia e en España”
O traballo nas aulas
Xunto coas carpetas para que a rapazada poida elaborar a personaxe de “Talento” os centros educativos recibirán unha guía para traballar a igualdade nas aulas e un decálogo que axudará a converter o xogo e o xoguete nun obxecto que alimente a creatividade das nenas e nenos,“que os axude a entreterse, a aprender e a construír espazos compartidos e igualitarios, pero tamén a configurar unha sociedade equilibrada, xusta, creativa e igualitaria”, indicou. A campaña “Búscase a Talento”nace coa vontade de continuar ao longo de todo o ano. “Xa estamos argallando que imos facer con estas caretas cara ao Entroido, pero tamén noutros programas que lideramos, para que Talento impacte, chegue ao conxunto da sociedade e estea presente sempre como un instrumento de aprendizaxe a través do xogo e xoguete, que tanta capacidade teñen para loitar contra as desigualdades”.