O Pavillón Óscar Pereiro acolle este sábado durante todo o día a un total de 75 patinador@s
Onte tivo lugar, no salón de sesións do Concello de Mos, a presentación da II Fase Categoría Amateur Libre do Campionato Galego de Patinaxe Artística que organiza o mosense Club Rosaleira e que terá lugar o vindeiro sábado, 20 de novembro, de 10.00 a 20.30 h no Pavillón Óscar Pereiro.
Na devandita presentación, que tivo lugar onte ás 10.00 h, estiveron presentes o xefe de servizo do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Daniel Benavides Alonso; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o concelleiro de Deportes, José Areal, e demais membros da Corporación Municipal mosense, Andrea Conde Rodríguez, Presidenta do Club Rosaleira, e Beatriz Fernández Bahamonde, Adestradora do Club Rosaleira.
Na II Fase Categoría Amateur Libre do Campionato Galego de Patinaxe Artística que se disputará o sábado no Pavillón Óscar Pereiro, participarán un total de 75 patinador@s de entre 13 e 20 anos de idade, pertencentes a 30 clubes de patinaxe de toda Galicia.