TEI e unha iniciativa que ten por obxectivo a integración do novo alumnado e a prevención do acoso escolar
O venres 5 de novembro de 2021 tivo lugar no IES Salvaterra de Miño a presentación das parellas TEI, que contou coa presenza da alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel; o presidente da ANPA do centro educativo, Marcelo Sánchez; ademais da dirección, membros do equipo de convivencia e profesorado do instituto.
Este programa Titoría Entre Iguais é unha estratexia de convivencia enfocada, fundamentalmente, á integración do novo alumnado e á prevención do acoso escolar. O alumnado de 3º de ESO, con experiencia xa no centro educativo, presta apoio, sobre todo de tipo emocional, pero tamén axuda na resolución de conflitos ao alumnado de 1º de ESO que, a priori, é alumnado máis vulnerable debido á súa recente incorporación ao centro escolar.
O programa TEI vén funcionando dende hai varios anos no IES Salvaterra de Miño pero, por mor da pandemia, non foi posible poñelo en práctica na súa totalidade debido ao confinamento e ás restricións impostas no curso 2020-2021. Responsables do centro educativo confían en que este ano poida desenvolverse na súa totalidade e que isto axude á mellora da convivencia.
Este programa TEI que, como sinalou Marta Valcárcel, é unha estratexia pioneira en centros do concello, vén a completar outras estratexias a prol da mellora da convivencia que xa se están poñendo en práctica nese centro educativo como a mediación escolar, as prácticas restaurativas ou unha aula de convivencia activa. A alcaldesa agradeceu que este tipo de iniciativas, que axudan a mellorar a convivencia e a formar cidadáns máis responsables, sexan postas en práctica nos centros educativos. Pola súa parte, Marcelo Sánchez tamén agradeceu ao centro, en nome das familias, estas actuacións co alumnado e comentou que dende a confederación de ANPAS recibe preguntas, acerca de como poñer en práctica iniciativas coma estas que se están implantando no IES Salvaterra de Miño.
Fontes do centro educativo informaron de que, a pesar de que o programa TEI é de recente implantación no IES Salvaterra de Miño, estarían encantados de que os centros de infantil e primaria adscritos se uniran a esta iniciativa, o que suporía crear unhas dinámicas dende idades temperás que favorecerían os obxectivos pretendidos de integración e prevención.
Indican, ademais, que é un programa que leva implantado dende xa hai anos con éxito non só en centros educativos de todo o territorio español, senón tamén en cidades, denominadas cidades TEI, como Gijón, Málaga, Sada ou Santander entre outras moitas.