Sthela Táboas 06/11/2021

Os donos xa están a levar ás súas mascotas para proceder á colocación do dispositivo na Clínica Veterinaria Ars Canis Val da Louriña de Peinador

Xa comezaron a colocarse na Clínica Veterinaria Ars Canis Val da Louriña, en Peinador, os microchips aos cans inscritos na campaña de implantación emprendida desde a Concellería de Medio Ambiente Sostible do Concello de Mos, dirixida por Leo Costas. Os obxectivos fundamentais desta campaña son evitar os abandonos e facilitar a localización dos donos en caso de extravío.

Para compartir o momento cun dos donos beneficiarios desta iniciativa -Jorge Castro González- e a súa mascota -Coco-, achegáronse ata o devandito centro veterinario a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o edil da concellería correspondente.

Rexidora e concelleiro, anunciaban o pasado verán a posta en marcha dunha campaña municipal de fomento da implantación do microchip entre as mascotas das familias do municipio.

Ademais de ser o microchip obrigatorio, esta campaña púxose en marcha porque desde a concellería que dirixe Costas e desde o Servizo Municipal de Emerxencias, detectouse que unha elevada porcentaxe dos cans perdidos que aparecen na localidade non teñen chip, polo que se complica a tarefa de atopar aos seus donos para poder devolvelos aos seus fogares. “A iniciativa persegue tamén un obxectivo concienciador e de prevención do abandono de animais domésticos” explican a alcaldesa mosense e o edil de Medio Ambiente.

A campaña consiste en que o Concello de Mos asume o 70% do custe da colocación do microchip a cada can en cuestión, polo que os seus donos só teñen que asumir o 30% restante.

A empresa veterinaria que ofrece o servizo aos veciñ@s beneficiarios da axuda é ArsCanis Val da Louriña, sita en Peinador e para adherirse a esta iniciativa, os particulares mosenses donos de cans interesados en optar a esta axuda, tiveron un prazo de inscrición para cursar solicitude formal a través do Rexistro Xeral do Concello de Mos.

Aínda que a concesión das axudas foi por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal, concedéuselle a todos os particulares que a solicitaron; de feito, o procedemento de colocación dos microchips está xa en marcha e finalizarase en breve.

Desde o Concello de Mos preténdese concienciar ás persoas sobre os abandonos e a importancia das adopcións. Respecto diso, a Organización Mundial da Saúde -OMS- estima que o 70% dos cans no mundo non teñen un fogar. Na actualidade existen aproximadamente 300 millóns de cans no mundo, cunha gran variedade de razas e tamaños. Hoxe en día existen desde cans de compañía ata cans policías, cans bombeiros, cans lazarillos… A importancia da súa labor na sociedade e fundamental, pero no que respecta a saúde e o seu papel en distintas dolencias físicas ou mentais, ten un valor indescritible.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad