Os 20 alumn@s participantes formaranse en carpinteria e construción e traballarán na mellora do Paseo do Louro e a antiga escola de Covelo-Atios
A Concellería de Emprego do Concello do Porriño, dirixida por David Alonso, informa do comezo dun novo obradoiro de emprego que leva o nome de “Porriño Labora”. Os 20 alumn@s traballadores que se formarán nas especialidades de Carpintería e Construción, recibiron a benvida por parte do concelleiro xunto ao equipo directivo e docente.
Para a posta en marcha deste obradoiro “Porriño Labora”, o Concello do Porriño dispón dunha axuda de 346.096 €, concedida no mes de setembro a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Deste xeito, na especialidade de carpintería o plan de formación inclúe traballos de acondicionamento funcional e estético do Paseo do Río Louro, consistentes na reparación do valado de madeira existente no paseo, os tramos das pontes en mal estado, recuperación dos bancos existentes deteriorados polo paso de tempo e o vandalismo, e nos tramos existentes con pavimento de madeira.
No obradoiro de construción, os participantes realizarán a súa formación traballando na reforma da antiga escola de Covelo, na parroquia de Atios, que, dada a complexidade da obra, estase a realizarse en tres fases.
Os alumnos de “Porriño Labora” van desenvolver traballos de instalación do saneamento e os aparatos sanitarios, a instalación de tódala fontanería, a instalación de ventilación e dun sistema de climatización, incluíndo os condutos de aire. Tamén van rematar os traballos pendentes no interior do edificio, consistentes na instalación do falso teito e pintado das zonas necesarias, así como o revestimento e pintado no exterior do inmoble.