A adxudicataria das obras -Construcións Castro Figueiro- comezará o replanteo o mércores día 3 de novembro e teñen un prazo de consecución de 4 meses
A Concellería de Infraestruturas do Concello do Porriño, que dirixe Pedro Pereira, informa que as obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez van comezar o vindeiro mércores 3 de novembro.
A data foi elixida para evitar a coincidencia co mercado ambulante que, para as vindeiras semanas, será trasladado mentres duren as obras.
Pereira xa informou á AAVV de San Benito e San Sebastián do inicio das obras, que teñen un prazo de execución de 4 meses. O mércores, o persoal da empresa adxudicataria, “Construcións Castro Figueiro”, comezará co replanteo e inicio de traballos. Dende a asociación veciñal, agardan que “o concelleiro manteña a súa palabra da zona de carga e descarga para os establecementos máis afectados do tramo a peatonalizar”.
Este proxecto licitouse coa concorrencia de media ducia de empresas que presentaron plicas. O orzamento de saída foi de 391.322,95 € amais do IVE do 21% correspondente. O financiamento é con cargo a unha subvención do Plan Concellos 2021 da Deputación Provincial.
O proxecto de humanización contempla unha actuación no tramo da rúa Manuel Rodríguez entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián e, aínda que non todos os veciñ@s están dacordo coas actuacións, a maioría non se opoñen ás mesmas.
As obras consistirán no levantamento do pavimento, tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; preinstalación para as telecomunicacións e a rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns.
Para facilitar as obras, hai días que o Concello mudou a sinalización horizontal na rúa Xogo da Ola e no treito entre esta vía coa rúa Leandro Diz, ate a intersección coa rúa Manuel Rodríguez.
Na rúa Xogo da Ola modificouse a sinalización viaria horizontal de aparcamento en batería na marxe esquerda en sentido descendente. E na rúa Leandro Díz ate a intersección coa rúa Manuel Rodríguez, eliminouse a liña de aparcamento da marxe dereita da calzada, para habilitar dous sentidos de circulación.