Os traballos acometeranse nos CEIPs de Petelos e Atín antes do final deste ano e serán financiados pola Consellería de Educación na súa totalidade por preto de 400.000 €
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, informaron hoxe de que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia acometerá antes de que remate o presente ano 2021, sendas obras de mellora por preto de 400.000 € nos Colexios de Educación Infantil e Primaria mosenses de Atín e Petelos.
Os traballos atópanse en proceso de licitación para a contratación das empresas concesionarias, e comezarán a ser acometidos de cara ao vindeiro mes de decembro.
No caso do CEIP de Petelos a obra de optimización das instalacións consistirá na susbstitución de toda a carpintería de aluminio (portas e fiestras) do centro, cun orzamento de 158.626,38 €.
E por outra banda, no CEIP de Atín acometerase a última fase da mellora integral do centro, co remate da renovación da carpintería de aluminio nas zonas que quedaban pendentes de substituír e substitución tamén dos falsos teitos e luminarias nos espazos nos que aínda non se fixera.
Ademais procederase ao derrubamento do anexo-almacén do edificio e reparación de fachada, solicitado pola dirección e a ANPA do centro, á execución dunha rampa de acceso para solventar o acceso polo devanditoantigo anexo; e demolición e desamiantado de cubrición do patio interior,cuberto con perfil gran onda de fibrocemento, para a posterior execución da nova cubrición do patio. As obras no colexio de Atín teñen un orzamento de 210.273,62 €.