O deputado Manuel Lourenzo e o concelleiro Gustavo Barcia mantiveron unha reunión coas ANPA dos centros educativos de Mos
Os recortes da Xunta en Educación supuxeron un aumento do número de alumn@s por aula no presente curso escolar
Coa volta ás aulas, as familias de Mos comprobaron que “a Xunta non foi capaz de dar resposta á maior parte dos problemas que os centros educativos veñen arrastrando dende hai anos”.
O deputado do BNG no Parlamento Galego Manuel Lourenzo e o portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, mantiveron unha reunión con representantes das ANPA dos colexios públicos e o IES de Mos. “As nais e os pais volveron denunciar o incumprimento dos horarios do transporte escolar no instituto das Pozas, onde a empresa Monbus chega a acumular máis de media hora de atraso na recollida d@s rapaces”.
Tal como explicou Gustavo Barcia, “a Consellería de Educación é coñecedora desta situación, que non é nova, pero fai oídos xordos ano tras ano”. Esta non é a única reivindicación das familias. “As ANPA reclaman tamén, por exemplo, que a limpeza arredor das escolas sexa máis habitual para evitar que os animais que se agochan entre a maleza, aparezan nos patios onde xogan as crianzas. Solicitan, ademáis, a creación da figura d@ enfermeir@ escolar e o reforzo dos departamentos de orientación. Manuel Lourenzo comprometeuse a trasladar as súas reivindicacións ao Parlamento Galego, e o portavoz municipal do BNG preguntou xa por algunhas destas cuestións no pleno celebrado esta mesma semana, obtendo o silencio por resposta por parte do goberno municipal. En opinión de Gustavo Barcia “no pleno viuse claramente a actitude sectaria e partidista do PP, que defende á Xunta contra vento e marea aínda que iso supoña ir contra os intereses da veciñanza de Mos”.
Recortes en Educación
Manuel Lourenzo defendeu no encontro a visión que o BNG ten da Educación Pública e lamentou os constantes recortes do PP “que leva anos aplicando unha política de desinvestimento e deterioro da escola pública para favorecer á privada”.
“Dende a chegada de Feijóo ao goberno, a Xunta pechou 128 centros escolares e reduciu o profesorado do ensino público nun 5%, por contra na ensinanza concertada a cifra incrementouse nun 4%. Estes recortes tamén afectaron este ano a Mos, onde o curso comezou con menos docentes e un maior número de escolares por aula”. No medio deste “desleixo evidente por parte do PP”, tal como o cualificou o deputado, o BNG acadou unha pequena vitoria ao conseguir que o Parlamento Galego aprobara, por unanimidade, a súa iniciativa para a creación dun Bacharelato de Artes en Redondela.