Iniciarase o próximo mes de outubro e incórporase a actividade en Randufe co que serán seis os centros culturais nos que se celebre de forma presencial
O programa “Cultiva a Mente” posto en marcha polo Concello de Tui e AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia, inicia unha nova temporada o próximo mes de outubro. O obxectivo desta iniciativa é promover un envellecemento activo e saudable das persoas maiores de 55 anos a través de diversas actividades que se desenvolverán até o mes de xuño de 2022 nos centros culturais de 6 parroquias tudenses.
Esta mañá celebrouse, na casa do Concello de Tui, unha reunión de traballo, previo ao inicio deste proxecto, na que participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, o concelleiro de Servicios Sociais, Ismael Diz, a traballadora social do Concello de Tui, Carmen González, e a psicóloga de Afaga, Beatriz Rodríguez.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientaba que “o Concello de Tui sempre foi pioneiro na posta en marcha de programas de atención a dependentes e servicios sociais no ámbito rural”. Sobre o programa “Cultiva a Mente” destacaba a extensión do servizo a seis parroquias coa incorporación de Randufe. Cualificaba o rexedor moi positivamente que este curso se inclúa un programa para os coidadores xa que “vimos de atravesar unha pandemia que nos afectou a todos pero especialmente aos colectivos máis vulnerables”.
O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, indicaba que na reunión desta mañá planificaron como vai estruturarse este ano o programa que “proximamente calquera persoa da cidade que cumpra os requisitos poderá solicitar algunha das prazas aínda dispoñibles no programa”.
O presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, indicaba que “con esta reunión damos o pistoletazo de saída a recuperación do proxecto “Cultiva a Mente” que volve a presencialidade tras a pandemia na que conseguiu adaptarse para seguir atendendo aos usuarios”. Tamén sinalaba que “se volve a poñer a disposición dos coidadores un programa de soporte porque entendemos que con esta pandemia foron as persoas que se viron máis sobrepasadas e angustiadas, un bo momento para recuperar este proxecto que se fixo hai 3 anos e tan bo resultado deu”.
O programa “Cultiva a Mente” terá este ano coma novidade a incorporación de Randufe á listaxe de parroquias nas que se desenvolvía o curso pasado: Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis e Rebordáns. Os participantes coñecerán, por exemplo, como funciona o noso cerebro ou técnicas de aprendizaxe de mellora e estimulación de distintas funcións cognitivas como a memoria, a atención ou a linguaxe. Ademais, “Cultiva a Mente” tamén fomenta a sociabilidade, ao ser unha actividade grupal.
As persoas interesadas en inscribirse no programa “Cultiva a Mente” deben contactar dos Servizos Sociais na casa do concello no 986 60 36 25.
Este ao recuperarase tamén o programa Coidadores II, do que proximamente se darán a coñecer todos os detalles.