Ata o 4 de outubro poderán inscribirse os interesados neste curso que da continuidade ao de nivel A1 rematado no pasado mes de xuño
A aprendizaxe da lingua de signos aporta unha serie de vantaxes que melloran as habilidades comunicativas. Axúdannos non só a comunicarnos coas persoas xordas e xordo cegassenón tamén coa nosa familia, cos nosos amig@s e na nosa vida cotiá e profesional.
A lingua de signos, cada vez máis, comeza a usarse alén da comunidade xorda, con persoas e nenos con diferentes capacidades (down, autismo, parálises, etc.) xa que implica unha serie de vantaxes que melloran as habilidades comunicativas, a atención visual, a memoria, a fala, a psicomotricidade, a expresión xestual e corporal. O seu emprego amplía as posibilidades nas relacións interpersoais.
Dende a Concellaría de Mocidade retomamos a actividade ofertando o curso de formación en Lingua de Signos nivel A2, de 90 h de duración, para dar continuidade a formación básica de nivel A1 que se rematou no mes de xuño.
Este curso está dirixido a mocidade maior de 16 anos e que queiran seguir formándose no eido da Lingua de Signos, potenciando e ampliando os coñecementos sobre a comunidade xorda e as persoas que pertencen a ela, ben por motivos laborais ou por interese persoal.
O curso será totalmente online cunha duración de 90 horas a través da plataforma Signo Campus. Será impartido pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia polo que os certificados son homologados.
O prazo inscrición estará aberto ata o 4 de outubro e a solicitude pódese descargar directamente na web do Concello de Mos e presentala no Rexistro (previa cita) ou a través da sede electrónica. Para poder acceder a este curso débese estar en posesión do certificado A1 homologado.
Para poder levar a cabo o curso deberanse compretar un mínimo de 15 prazas. O curso impartirase dende o18 de outubro do 2021, ao 24 de xaneiro do 2022. O prezo da formación das 90 h é de 120 € para a poboación xeral e 90 € para os estudantes e desempregados que deberán xustificar a situación.