Sabela Landín 17/09/2021
Cig mobilizacións

Diante do imparábel aumento da factura da luz, a “impunidade” coa que actúan as
eléctricas e o “nulo interese” da Xunta do PP e do Goberno español de PSOE-Unidas
Podemos para garantir con políticas públicas o acceso á electricidade en condicións
asumíbeis, o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, entende que é o
momento de “dicir basta” e de plantarlles cara “á mafia das empresas eléctricas” e aos seus
“gobernos cómplices” esixindo a fin da estafa da luz.
Gonçalves lembra que Galiza salienta pola súa capacidade de producir enerxía, exportando
o 30% da electricidade que xera, “mais padecemos as consecuencias dun expolio colonial
dos nosos recursos e soportamos unhas das tarifas máis caras, con millares de fogares
padecendo pobreza enerxética”.
Incide en que a electricidade non pode ser un luxo para a poboación e unha fonte
inagotábel de lucro para as grandes corporacións trasnacionais, “porque se trata dun ben
esencial, básico, que ten que ser garantido dende o público”.
En consecuencia, reclama que se poña fin á propaganda e ás “promesas ocas” e se tomen
decisións reais que poñan fin a esta situación inxusta. Neste senso, enumerou as principais
propostas que a CIG vén formulando con este obxectivo, como son a creación dunha Tarifa
Eléctrica Galega e dunha empresa pública de enerxía, así como unha reforma a fondo do
sistema tarifario para que deixe de engordar o oligopolio eléctrico.
Considera que para isto é necesario saír á rúa e mobilizarse para esixir solucións. “Por iso a
CIG convoca protestas en todo o país este domingo 19, e facemos un chamamento a
participar para dar unha resposta masiva a esta estafa da luz”.
No conxunto da Unión Comarcal haberá catro mobilizacións, que terán lugar ás 12:00 horas
no farol de Urzaiz de Vigo, na casa do Concello do Porriño, na praza Avelino Vicente (As de
copas) da Guarda e na casa do Concello de Cangas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad