goberno do PP convocou unha reunión para falar sobre o polígono industrial de Monte Faquiña e a gran ausente, máis unha vez, foi a entidade propietaria dos terreos. A polémica partiu dunhas poucas empresas que tiveron que renegociar os contratos de arrendamento das parcelas e ameazaron con marchar para Portugal ao non estar de acordo coas condicións. Os propietarios destas empresas participaron no encontro, no que estiveron tamén representantes de AEMOS e dos grupos da oposición da corporación municipal. O concelleiro do BNG, Gustavo Barcia, acudiu “con ánimo construtivo e á procura dunha solución beneficiosa para todas as partes”, pero a negativa do PP a convidar á Comunidade de Montes supón unha barreira para chegar a acordos.
A alcaldesa de Mos manifestou en máis dunha ocasión que o seu goberno non se ía reunir baixo ningún concepto coa Comunidade de Montes, unha entidade á que considera, nas súas propias palabras, “non grata”. Para o BNG, esta actitude é inaceptable e en opinión de Gustavo Barcia “indica claramente que Nidia Arévalo goberna só para uns poucos e non para toda a veciñanza”. O concelleiro cre que a reunión foi convocada “co único obxectivo de facer propaganda contra a veciñanza comuneira en vez de buscar solucións reais”. Barcia participou xa en varias reunións coa Comunidade de Montes de Tameiga por este mesmo motivo, onde quedou patente a vontade da directiva de chegar a un acordo e a súa disposición ao diálogo, algo que o PP non está disposto a ofrecer.
Medidas propostas
Na reunión onde estaban presentes os empresarios, o portavoz do BNG reclamou “máis diálogo e menos ruído”. Gustavo Barcia propuxo tres medidas encamiñadas a evitar que estas empresas marchen de Mos: por unha parte, pedíuselle ao goberno municipal que manteña unha reunión coa Comunidade de Montes para coñecer a súa versión; pola outra, solicitouse a creación dunha mesa de diálogo onde o Concello actúe como mediador entre as dúas partes e, en caso de non chegar a ningún acordo, exercer presión sobre a Xunta de Galiza para que poña a disposición destas empresas as parcelas libre do polígono da Veigadaña cunhas condicións vantaxosas. O goberno do PP desbotou estas opcións, malia que algún dos empresarios manifestou que se debía buscar o diálogo ata o final. A única proposta que realizou a alcaldesa foi a de tratar de influenciar ao goberno galego para que mude a Lei de Montes.