A iniciativa, enmarcada na programación cultural do Xacobeo, ten como obxectivo impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade
O ciclo “O País das Bandas”, promovido pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega o sábado a Nigrán, cun concerto ás 19,00 h da Agrupación Musical de Belesar, procedente de Baiona.
A formación musical ten a súa orixe en 1997, cando o seu actual director, Javier Domínguez Millán, comeza a impartir música como actividade extraescolar no Colexio Público de Belesar. Un ano máis tarde sería a presentación oficial da agrupación. Na actualidade conta cunha escola de música que forma a uns 50 alumnos.
O repertorio previsto para o sábado inclúe as pezas “Cantigas e agarimos”, “Memoria de Gallaecia”, “Olimpo dos celtas” e “Airiños aires”. Soarán tamén “Santana a portrait”, “Agárrate saxo”, “Santa Comba”, “Pepa”, “Feiticeira” e “El gato montés”.
O “País das Bandas” arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.
A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 €.