Sthela Táboas 10/09/2021

O contrato permitirá levar a cabo o servicio de axuda no fogar no concello durante os vindeiros catro anos

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, e o representante de Sociser Galicia S.L.U. firmaron o contrato de servicio de axuda no fogar no concello para os próximos 4 anos. Trátase do contrato máis importante desta lexislatura ata o momento, tanto polo seu importe, que roza o 16% do orzamento, como na duración do mesmo, 3 anos con opción a 1 máis de prórroga.

A adxudicación deste contrato aprobouse por acordo plenario o 24 de xuño pasado e entrou en vigor o mércores 1 de setembro, sendo o importe base da licitación de 1.888.626,69 € e ascendendo o valor estimado do contrato a 2.895.894,26 €, durante os catro anos de duración máxima que terá.

O programa de axuda no fogar do Concello de Salceda de Caselas atendía no momento da licitación do contrato a 65 persoas, cunhas 30.000 h anuais de servicio, que poderá ampliarse ata 35.000 h anuais co contrato actual.

Este servicio é imprescindible para que as persoas maiores do municipio poidan permanecer nos seus domicilios coas súas familias, facilitando a conciliación e os coidados dun colectivo moi importante na nosa sociedade, que con este contrato ve garantida a continuidade, a actualización e a mellora das condicións no servicio, tanto para as persoas usuarias como para as persoas traballadoras no mesmo.

Ademais a case trintena de persoas que traballan no servicio de axuda no fogar do concello pertencen á veciñanza do mesmo, co cal se proporcionan postos de emprego no pobo.

A concelleira de benestar social, Ángela Ledo, agradecía “o traballo realizado polo departamento de servizos sociais do concello na elaboración do expediente de contratación. A pandemia fixo que se demorase no tempo o proceso para a continuidade dun servizo tan importante para o noso concello, pero por fin podemos ter garantida a súa continuación no tempo e a súa calidade”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, resaltaba do SAF “a atención das persoas ou familias no seu domicilio, para facilitar o seu benestar persoal e a permanencia no seu medio habitual, especialmente naquelas situacións nas que teñen limitada a súa autonomía é unha prioridade, polo que era de vital importancia garantir este servizo e a súa estabilidade con este contrato para os próximos catro anos”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad