José Docampo 27/08/2021

A canteira en reconstrucción de Vilafría, no Porriño, acolle este sábado 28 de agosto a segunda edición do festival. O cartel está formado por Pongo, Boyanka Kostova, Verto, Mounqup, a DJ Teresa Ferreiro e Os Penediños de Atios.

A canteira en restauración de Vilafría, en Atios, O Porriño é o anfiteatro natural que acollerá na tarde-noite de mañá día 28 a segunda edición do festival Sons da Canteira. O cartel está formado por Pongo, Boyanka Kostova, Verto, Mounqup, a DJ Teresa Ferreiro e Os Penediños de Atios. Unha proposta de artistas que achegan a tradición á vangarda e á modernidade. Unha visión comprometida cunha cultura galega emerxente e arriscada e que abre pontes co máis efervescente da lusofonía.

Os composteláns Boyanka Kostova son unha das bandas do momento, co seu persoalísimo trap galego. Pongo, música e cantante lisboeta de orixe angoleño é a raíña do kuduro. Mounqup, música e activista francogalega, estrea disco e espectáculo dun pop electrónico enerxético e bailable. A DJ Teresa Ferreiro é unha artista visual e investigadora musical que misturou para radios e eventos de todo o mundo. Verto son outros composteláns que innovan co trap e que arrasan tanto nos escenarios como en Spotify. Tamén haberá talento local, co grupo de danza tradicional Os Penediños de Atios, que xa na primeira edición acompañaron Baiuca no escenario.

Durante o evento haberá foodtrucks con opcións sen glute e veganas e un servizo de atención en mesa.
As entradas véndense a través de sonsdacanteira.gal, onde tamén se escollerán os pases de bus gratuítos (ás 17h00, 17 h30 ou 18h00), único modo de acceder á canteira.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad