Recepción da Deputación no Palacete das Mendoza que recibiu entre aplausos ás e aos nosos deportistas de elite nun recoñecemento cargado de emoción
As e os olímpicos da provincia puxeron sobre a mesa a importancia dos valores que transmite o deporte e fixeron un recoñecemento xeral á traxectoria de Teresa Portela
O Palacete das Mendoza engalanouse hoxe por todo o alto para amosar o agradecemento ás e aos deportistas da provincia de Pontevedra que participaron nos Xogos Olímpicos de Tokio. E foi precisamente esta palabra, gracias, a máis escoitada nos xardíns deste emblemático edificio. As e os olímpicos foron achegándose ao lugar no medio da expectación das e dos viandantes en Pontevedra, que viron como a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada do deputado de deportes, Gorka Gómez, recibíanos cheos de emoción.
“Os aplausos son para elas e eles, sodes o mellor que ten esta sociedade”, deixou claro a presidenta da Deputación, cando Teresa Portela -prata en piragüismo-, Nico Rodríguez -bronce en vela-, Rodrigo Corrales, -bronce en balonmán-, Antía Jácome -diploma en piragüismo- e Támara Echegoyen -diploma en vela- se achegaron ao escenario situado no centro do xardín. Para Carmela Silva “esta provincia ten moitos elementos para presumir dela e exemplo disto é que temos ás e aos mellores deportistas. Somos unha gran referencia deportiva e creo que unha sociedade que queira construír un bo futuro para a súa xente ten que recoñecer ás e aos mellores dos seus”. Carmela Silva non se esqueceu de Rodrigo Germade -prata en piragüismo que non puido asistir ao acto para poder conciliar a súa vida familiar-, Iván Villar -prata en fútbol-, Nikolv Sherazadishvili -diploma en judo- nin do resto de deportistas da provincia que viaxaron ao país nipón: Tamara e Alberto Abalde, María Bernabeu, Francisco Garrigós e Javi Gómez Noya
As e os olímpicos da provincia, que asinaron no Libro de Honra da Deputación e recibiron un agasallo da institución, coincidiron en recoñecer o valor e o legado da traxectoria de Teresa Portela, unha deportista referente para todas e todos eles que se alegraron tanto ou máis do metal da piragüista de Cangas como dos seus propios. A propia Portela recalcou que a importancia non é só das medallas senón tamén da “cantidade de esforzo, de horas invertidas, de anos de sacrificio…” e deixou claro que “unhas veces conséguense e outras non pero o importante, os valores que queremos mostrar, é o traballo que hai detrás”. Nico Rodríguez agradeceu o poder xuntarse coas súas compañeiras e compañeiros “que ao fin e ao cabo son referentes” e fixo especial mención a Tamara Echegoyen “unha gran líder para o equipo de vela que nos axudou moito”.
O gardameta da selección de balonmán, Rodrigo Corrales, puxo en alza o feito de que “na provincia de Pontevedra haxa tantos deportes, tantos grandes deportistas e tantos adestradores de base, o que permite que xente coma nós esteamos hoxe aquí”. Ademais, Corrales deixou claro que os e as deportistas de elite deben “seguir sendo inspiración da mocidade, apostar pola base, pola igualdade e a integración para que nos vindeiros anos sexan moitas máis persoas da provincia as que participen nos Xogos Olímpicos”. Antía Jácome amosouse feliz durante o acto xa que, como declarou, “eu acabo de empezar neste mundillo e é unha honra poder compartir isto con persoas que son un exemplo para min e para deportistas do mundo enteiro”. Tamén falou Támara Echegoyen, quen é consciente de que “o importante do deporte son os valores que transmite e educar con eles. O deporte máis que un resultado é un camiño e ás veces acádense os obxectivos e outras non, pero o tempo daranos a importancia do que fixo o deporte galego nestes Xogos Olímpicos”.
Nestas olimpíadas, nas que Galicia enviou máis deportistas ca nunca, a provincia de Pontevedra tivo unha forte presenza e destacou pola súa exitosa participación ao conseguir cinco das sete medallas galegas (tres delas de prata e dúas de bronce) e tres diplomas olímpicos. Neste senso cobra especial importancia Cangas, un lugar ao que foron a parar catro dos metais olímpicos. Para lograr esta proeza a provincia enviou a Tokio a 12 deportistas, que viaxaron cargadas e cargados de ilusións e moitas horas de adestramento ás súas costas.