José Docampo 11/08/2021

Segundo informa o Concello caseleiro, 32 organizacións sociais da localidade recibirán máis de 126.000 euros.

O Concello de Salceda de Caselas ven de asinar coas asociacións os convenios de colaboración para o ano 2021, que lles permitirá percibir en total 126.751,40€. Estas axudas, as máis altas da historia veñen recollidas no orzamento 2021 como subvencións nominativas e destínanse a colaborar na sufragación dos gastos de funcionamento e de actividades das entidades. No acto de sinatura, a alcaldesa Verónica Tourón estivo acompañada pola tenente de alcaldesa Loli Castiñeira e polo concelleiro de cultura e asociacionismo Álex Rodríguez. Tamén asistiu Rubén González responsable de deportes e medioambiente e Gela Ledo, de ensino e servizos sociais.

Nos máis de 126.000 euros que se destinan, asináronse convenios cos centros culturais (900 €), os coros (700 €), as asociacións de veciños (400 €), os entroidos de Castro Barreiro e A Feira (1.600 €), a Asociación de Amigos e Amigas da Música de Salceda (22.000 €), o CEP Altamira (1.200 €), o IES Pedras Rubias (2.400 €) e a Asociación de Xubilados e Xubiladas e Pensionistas (3.000 €). No eido deportivo, 22.551,40 € son para as Escolas Deportivas, 18.000 € para o Caselas C. F., 4.550 € para os Clubes de Balonmán e Baloncesto e 400 € para o Club Ciclista Aragonta.

Este ano cabe destacar a creación de sete novas subvencións nominativas destinadas a diferentes colectivos. A Escola de Fútbol Denis Suárez e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias (AFAGA) percibirán axudas de 15.000,00€ cada unha. A Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil 1.500,00€; o CRA Raíña Aragonta 1.000,00€; a Asociación de Comerciantes e Industriais (ACISA) e a Asociación Cultural, Deportiva e Ecoloxísta Treze Catorze 900,00€ e a Asociación de Mulleres Rurais Caselas 400,00€.

As subvencións de maior importe son as que reciben a Asociación de Amigos e Amigas da Música, que engloba a Escola de Música de Salceda así como a Banda de Música, movendo en total máis de 400 persoas de tódalas idades, e as Escolas Deportivas, con cerca de 500 participantes. Considérase tamén fundamental o apoio ás actividades dos centros escolares públicos, que a pesares de non estar dentro das competencias dos Concellos reciben tamén unha aportación municipal.

Os convenios supoñen un importante esforzo financeiro, mais o Concello considera estratéxico continuar apostando polo tecido asociativo, que tanto dinamismo ofrece durante todo o ano, tanto na vila como nas parroquias. Nun ano, no que a pandemia provocada pola COVID19 está limitando moito as actividades que as asociacións poden desenvolver, o equipo de goberno quere mostrar deste xeito o seu apoio a estas entidades, xa que moitas delas terían dificultades para continuar activas sen estas axudas.

O concello colabora ademáis durante todo o ano coas diferentes asociacións con préstamo de material, cartelería, donacións para os centros culturais, asesoramento e información nos trámites con outras administracións, etc.

Álex Rodríguez, Concelleiro de Cultura e Asociacionismo: “Somos conscientes da importancia do tecido asociativo na vida cultural e social de Salceda, e continuaremos apoiando a cultura, o deporte e o asociacionismo en xeral, sobre todo nunha época na que as restricións pola COVID fan que moitas delas non poidan programar as súas actividades con normalidade”.

Verónica Tourón, Alcaldesa: a Salceda que hoxe coñecemos non sería posible sen o tecido asociativo co que contamos, a promoción de actividades en todos os eidos aumenta a convivencia entre a veciñanza e fai que teñamos unha vila activa, polo que seguiremos axudando, máis se cabe no contexto que estamos a vivir.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad