O certame volverá ao Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso e recupera o Torreiro para coloquios e pequenas actuacións. A ampla carpa da Leira do Río volve acoller as actuacións principais ea entrega de premios, cun aforo de 300 persoas sentadas e con distanciamento.
A XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 do vindeiro mes de setembro, partirá do exitoso modelo que seguiu o pasado ano, e que permitiu a celebración do certame con total normalidade. Desde a organización do festival trabállase na preparación dun certame extremando todas as precaucións, gardando as distancias sociais requeridas en cada espazo e mantendo o esixente plan de limpeza e desinfección dos jalpóns, despois de cada proxección ou cada actuación.
O Festival tamén reforzará os efectivos de seguridade interna coa intención de que haxa un control de accesos e saídas fluido en todos os jalpóns e en todos os camiños da aldea, sobre todo no horario de peche do festival, que en ningún caso rebasará a 1 da noite.
O esquema será semellante ao da última edición, cunha ampla carpa no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, para as actuacións principais e entrega de premios, cun aforo máximo de 300 persoas sentadas e con distanciamento. Para acceder a este recinto deberase estar identificado, todo o mundo que queira asistir a este espazo ou a algunha outra actividade terá que comprar unha entrada ou facer a unha preinscripción gratuita.
O Festival recuperará nesta edición algúns dos seus espazos emblemáticos, como o Torreiro, ou o Jalpón e o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso. Ambos espazos serán destinados a actividades como pequenas actuacións musicais ou coloquios, sempre co público sentado. Todos os jalpóns do festival manterán o aforo reducido, que non rebasará o 50% e será preciso o uso de mascarilla durante as proxecións. O festival prefire manter prudencia no aforo, a pesar de que a normativa permite unha ocupación de ata un 75%.
Con respecto aos chimpíns, e o mesmo que aconteceu na pasada edición, o seu uso estará limitado a catro persoas, e só circularán de xeito honorífico para homenaxeadas e homenaxeados e equipos dos filmes, nas tres procesións previstas o xoves 2 no Porriño, e o venres 3 e sábado 4 en Cans.
Outra das novidades será o cambio de lugar habitual de proxecións na tarde do xoves, 2, onde os documentais “Beiras, Vivir dúas veces” de Jorge Coira, Gaspar Broullón e Pepe Coira, e “Donde se acaba la memoria” de Pablo Romero-Fresco, pasarán a proxectarse no Centro Cultural Municipal, en lugar do Círculo Recreativo. Este cambio está motivado pola maior amplitude de aforo permitido no auditorio do Centro Cultural Municipal, ó ser un espazo con butacas fixas. O acceso será con preinscripción, e quedan menos de dez entradas disponibles para cada unha destas sesións.
Por outra parte, os packs de entradas de tarde con desconto para as competición oficiais de ficción e animación, están a piques de esgotarse. Agora mesmo quedan menos de 20 entradas para as proxecións de tarde, e menos de 30 entradas para a sesión matinal.
Estes packs de oferta custam 21, 50 euros con gastos de xestión, e inclúen entrada, camiseta oficial do festival, catálogo do festival e chapa de edición limitada. Esta oferta só é válida ata este domingo, e a partir de aí, o prezo será de 27 euros, sempre que quedasen entradas disponibles. En total, só sairán á venda 400 entradas para a competición central de ficción e animación, das cales 200 serán de mañá e 200 de tarde. As preinscricións para as actividades e a venda de entradas poden realizarse en tenda.festivaldecans.com