Sthela Táboas 16/07/2021

“A 16 de xullo seguimos agardando, e seguiremos a pedir explicacións porque isto cheira mal, moi mal”

O grupo de oposición EU Son Porriño Son En Común explica que “o pasado 16 de maio, era interceptado Mohamed Salem por un axente da policía Local do Porriño sen uniformar. Este home, de orixe saharauí, é veciño de acollida do Porriño dende pequeño”. 

“O axente, Oficial na Xefatura porriñesa, parouno cando se dirixía á súa casa, actuando baixo un suposto abuso de poder, ao detelo tras solicitarlle a documentación sen identificarse, supostamente, previamente como axente”. 

“Segundo testemuñas foi esposado con violencia, e posteriormente levado ás dependencias da Xefatura da Policía Local do Porriño, onde se lle tomou declaración do que sucedera tras ser asistido por un avogado de oficio”. 

Dende EU Son lembran que “a alcadesa ‘socialista’, Eva García de la Torre, comprometeuse con Mohamed Salem e a súa familia a aclarar o asunto; e no Pleno do 26 de maio reafirmouse, ao marxe das actuacións xudiciais, e asegurou que ía abrir un expediente informativo”. 

“O tema virou no Pleno do 30 de xuño, cando pedimos explicacións sobre o expediente. Non se dera un paso e todo foron escusas alegando que o acontecido xa estaba xudicializado, pero que nunha semana habería novas ao respecto”. 

E rematan insistindo en que “a 16 de xullo seguimos agardando, e seguiremos a pedir explicacións porque isto cheira mal, moi mal. A alcadesa minte e parece que ten medo. O PSdG – PSOE está a demostrar que non quere ou non pode substituíla -por meros intereses partidistas- e condena ao Porriño dous anos máis de desastre”, finaliza o grupo  EU Son.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad