O Paseo Fluvial volverá converterse nunha sala de cinema ao aire libre con capacidade para 300 persoas
O cinema abre a programación cultural do verán en Tui. O Paseo Fluvial volverá converterse nunha sala de cinema ao aire libre con capacidade para 300 persoas. Tres son as películas que o público poderá gozar esta semana “Zog y los doctores voladores”, “El viaje de Chihiro” e “Stand by me”. As entradas poden reservarse de forma gratuía en www.tui.gal.
Mañá martes, 13 de xullo, ás 22.30 h proxectarase “Zog y los doctores voladores”. Unha divertida e tenra película de animación dirixida por Sean Mullen recomendada para público familiar dende os 3 anos. Un dragón, unha princesa e un cabaleiro son os protagonistas de “Zog y los doctores voladores”. Rompen os seus roles para coidar dos demais e curar a todo tipo de criaturas dende unha serea a un león, ou ao mesmo rei.
O mércores, 14 de xullo, ás 22.30 h será a quenda de “El viaje de Chihiro” dirixida por Hayao Miyazaki. Este film recibiu o Óscar á mellor película de animación e o Oso de Ouro no Festival Internacional de Cine de Berlín.
Chihiro, a nena protagonista, chega a un mundo habitado por deuses antigos e seres fantásticos tras atravesar un túnel cando viaxaba en coche cos seus pais. Nese extraño lugar atópase con Haku, e cunha feiticeira chamada Yubaba.
Mentres o xoves, 15 de xullo, ás 22.30 h proxectarase “Stand by me”. Unha película dos 80 dirixida por Rob Reiner e interpretada por Wil Wheaton, River Phoenix, Corey Feldman, eJerry O’Connell. É unha historia de amizade entre catro adolescentes baseada nun relato curto de Stephen King.
Estas son as tres primeiras propostas da programación cultural presentada o pasado venres co lema “Saímos con Sentidiño!”.