José Docampo 12/07/2021

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, reuniuse a semana pasada con representates de concellos da provincia de Pontevedra co obxectivo de buscar a súa implicación e colaboración na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia. Os ecoloxistas denuncian que o Decreto apoia, promove e favorece as plantacións forestais comerciais en todo o territorio galego, e incluso nas Áreas de Especial Interés Paisaxístico, no canto de defender a implantación e preservación do bosque autóctono.

O pasado 20 de febreiro entrou en vigor o Decreto 238/2020 polo que se aproban as Directrices Paisaxísticas de Galicia. As organizacións ecoloxistas denuncian que as directrices parecen estar pensadas para que as compañías expoliadoras de recursos naturais poidan implantar os seus proxectos especulativos en calquer lugar do territorio. Sinalan que o goberno galego volve a deixar patente a súa falla de vontade política de blindar as zonas de alto valor paisaxístico.

Critican os ecoloxistas que o decreto “prima a explotación económica da paisaxe, especialmente a da industria do eucalipto, que é asemade un dos máis graves problemas aos que se enfronta a paisaxe e a natureza galegas”. Tamén achan que se debería “ter en conta como o patrimonio arqueolóxico e histórico forma parte indisoluble da paisaxe galega e como éste ten sido danado, cando non destruído polo aproveitamento industrial e intensivo do monte galego”. Grupos da oposición relacionan o contido do decreto coa recente fichaxe de Beatriz Mato, exconselleira de Medio Ambiente, por Greenalia, unha das principais empresas promotoras do eólico no territorio e litoral galegos.

A Xunta informa da asistencia ao acto informativo de técnicos e responsables municipais dos concellos de Mos, Fornelos de Montes, O Porriño, Redondela, Tui, Gondomar, Mondariz, Nigrán, Mondariz Balneario, Baiona, O Covelo, Tomiño, A Cañiza, Oia, Crecente, O Rosal, Arbo, A Guarda, As Neves, Salceda de Caselas, Soutomaior, Vigo, Ponteareas e Salvaterra do Miño. Porén, nas fotografías achegadas parece non haber tal número de persoas.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva catro meses celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel municipal o contido e finalidade das Directrices. Neste sentido, Francisco Barea sinalou que están pensadas como unha “nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia”.

A Xunta pon en valor este tipo de encontros “porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego”. En definitiva di a Xunta, “búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad