A Policía Local de Tui detecta numerosos vehículos sen seguro obrigatorio ou sen pasar a ITV .Tamén localizaron numerosas infraccións por consumo de alcohol ou drogas
A Policía Local de Tui coordinou, entre os meses de xaneiro e xuño, controis policiais de Seguridade Cidadá e Tráfico, organizados en diferentes puntos do centro urbano do municipio. Organizáronse en Tui diferentes dispositivos co obxectivo de comprobar o adecuado mantemento de vehículos, motocicletas e ciclomotores, e que os mesmos se atopen en posesión de toda a documentación obrigatoria necesaria para poder circular, prestando especial atención ao Seguro Obrigatorio de Automóbiles (SOA) e a Inspección Técnica de Vehículos (ITV).
Ademais, a Policía Local de Tui intensificou a vixilancia do uso do cinto e de dispositivos móbiles, así como o control sobre o risco que supón o consumo de alcohol e drogas para a condución, colaborando desta maneira coas campañas que a Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra puxo en marcha no que transcorreu de ano, chegando a facilitar nalgunhas ocasións a Policía Local os medios necesarios para realizar algunhas das mesmas.
Doutra banda, cómpre salientar a estreita colaboración entre a Policía Local de Tui e as patrullas da Garda Civil de Tui para realizar as probas de alcohol e drogas no centro urbano, a pesar de que, na actualidade, a Policía Local de Tui dispón soamente de 5 axentes de policía en activo.
En termos absolutos nas máis de 200 sancións impostas, comprobáronse os datos de centenares de vehículos nos controis efectuados polos axentes locais este ano, dos cales se propuxeron para sanción 134 vehículos por circular coa ITV caducada, desfavorable ou negativa, 47 propostas para sanción por carecer de Seguro Obrigatorio de Automóbiles (SOA), 17 denuncias por conducir con presenza de drogas no organismo e 5 denuncias por alcoholemias positivas, alcanzando algunhas destas últimas un resultado superior a 0,60 mg/ l de aire expirado, constituíndo un delito contra a seguridade viaria tipificado no artigo 379.2 do Código penal.
Dende a Policía Local de Tui solicítase a colaboración da cidadanía no cumprimento das normas , no deber de ter a documentación obrigatoria necesaria dos vehículos en regra e na realización dunha condución responsable.