As seleccións absolutas de España, Croacia e Exipto xogarán no Pavillón Paco Paz de Ourense os próximos días 28 e 29 de xuño o Torneo Ourense Provincia Termal
Hoxe tivo lugar o acto de presentación do evento no que participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez (de forma telemática) e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López. Tanto Manuel Baltar como Francisco Blázquez, destacaron que este torneo será unha importante carta de presentación, cara ao Europeo Absoluto Masculino 2028, xa que Ourense é unha das catro sedes de España, que aparece na candidatura presentada de forma conxunta por España e Portugal.
Pola súa banda, Bruno López, quixo agradecer a aposta da Deputación de Ourense polo balonmán, así como poñer en valor o enorme traballo que están a realizar nos clubs de Ourense, e que se aprecia no crecemento da implantación do noso deporte nesta provincia.
O luns 28 de xuño ás 20:00 h celebrarase o Croacia – Exipto, un partido que reúne tamén enormes alicientes deportivos.
A selección croata é unha gran potencia no balonmán mundial e está a comezar unha nova etapa coa presenza de Ivano Balic no corpo técnico.
Pola súa banda, Exipto da man do adestrador español Roberto García Parrondo realizou un gran crecemento nestes últimos anos o que lle permitiu competir a gran nivel no último mundial (chegou aos cuartos), ademais dos seus cinco títulos na Copa de África.
E o 29 de xuño, o partido estrela, España – Exipto, coa presenza dos hispanos e o galego Rodrigo Corrales entre eles. España está a preparar en Galicia a súa participación nos Xogos Olímpicos de Tokyo aos que chega coa medalla de bronce no último mundial e como actual campioa continental.
O prezo das entradas será de 5 € para o Croacia-Exipto; 10 € para o partido de España e haberá un bono de 12 € para ambos encontros. As localidades poranse a venta a partir de mañá, a través dos clubs de Ourense e da Deputación de Ourense.