O Concello celebrou esta mañá un acto que contou coa presenza do Conselleiro de Sanidade, Óscar Pereiro, o director de La Vuelta, a voceira socialista Victoria Alonso, e outros representantes institucionais. O BNG rexeitou participar “nun evento propagandístico da volta ciclista” e criticou que novamente se incluíse, na celebración dunha festividade laica, unha “santa misa”.
Esta mañá, a praza do Concello de Mos acolleu o acto institucional do Día da Rosa. Este é o único evento celebrado dentro da Festa da Rosa 2021, suspendida polo nivel máximo de incidencia da COVID-19 que recentemente afectou ao municipio mosense. Trala suspensión, o Concello anunciou que os fondos dedicados á festa, incluídos nos orzamentos deste ano nunha única partida de Cultura de 37.000 euros, irían destinados a sufragar este acto e mais unha “campaña de promoción da hostalaría”; importes dos cales aínda non se dispón de detalles.
O acto comezaba ás 11.30 h co fallo do concurso fotográfico en liña ‘As Nosas Rosas’, que protagonizou esta semana, na que se coñeceu a sentenza contra as licenzas da cidade deportiva do Celta, as redes sociais do Concello. No concurso participaron un total de 270 fotografías, resultando primeiro gañador un veciño de Moaña de orixe holandesa. Os premios consistiron en “vales para consumir en locais de hostalería mosense e cun kit de xardinería”.
Tras o fallo do concurso, ás 12.00 h, celebrouse unha misa cantada polo Coro da Escola de Música de Mos, na honra dos falecidos pola COVID-19. Unha vez rematada a Misa, deuse lectura ao Pregón, precedido da actuación do cuarteto de Arpas da Escola de Música de Mos.
Os pregoeiros, Óscar Pereiro e Javier Guillén, director de La Vuelta, dedicaron “palabras emotivas en referencia á pandemia e a todas as persoas que tanto sufriron durante esta crise sanitaria da COVID-19”. Tamén houbo “palabras divertidas” sobre a preparación conxunta da etapa 20 de La Vuelta 2021, que terá meta no Castro de Herville.
Logo do pregón chegaron o discurso da alcaldesa, Nidia Arévalo, e a homenaxe á “cadea COVID”, de sectores e colectivos imprescindibles e afectados pola pandemia, “encabezados polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña”, en representación do sector sanitario xunto cunha doutora do Centro de Saúde de Mos.
Apesar de ter recibido o convite, como o resto de grupos da corporación municipal, o BNG rexeitou participar no acto. Desde o BNG, non poden “aprobar a elección, como pregoeiro do Día da Rosa, dunha persoa totalmente allea ao noso concello como é Javier Guillén”. “Estamos falando do director de Unipublic, unha empresa con ánimo de lucro que recibe cantidades obscenas de diñeiro das administracións públicas, de forma totalmente opaca, a cambio de levar a Vuelta alí onde poñen cartos sobre a mesa”, critican. O BNG preguntou en dúas ocasións en pleno sobre o custo que a volta ciclista ía supoñer para o Concello, sen que o goberno do PP dese resposta, “dando mostra dunha preocupante e absoluta falla de transparencia”. Denuncian que Nidia Arévalo queira “converter a festa local nun acto propagandístico para darlle respaldo á súa ambición megalómana e ao malgasto de miles e miles de euros de diñeiro público”.
Ademais, critican que nunha “festa laica e sen ningunha connotación relixiosa, como é o Día da Rosa”, se inclúa na súa programación a celebración dunha “santa misa”. “Isto vénse facendo así dende a chegada do PP ao goberno e cada ano protestamos polo mesmo motivo: o Concello non debe esquecer o carácter aconfesional da administración pública e das persoas que a representan no exercicio das súas funcións”, engaden.
Tamen considera o BNG, que a alcaldesa Nidia Arévalo, tralas decisións xudiciais que se fixeron públicas nos últimos tempos, “non está lexitimada para presidir un acto institucional destas características”. Á sentenza que constata as irregularidades urbanísticas da “Cidade Deportiva” do R.C. Celta hai que sumar outras resolucións contrarias ao Concello, como o arquivo da causa polas presuntas “facturas falsas” da auga ou o das denuncias contra unha parte da veciñanza de Tameiga por “alteración da orde pública”. Insisten, polo tanto, na petición de demisión de Arévalo, quen aseguran “que utilizou o seu cargo e os recursos públicos á súa disposición para atacar ás persoas e colectivos que non están de acordo co “pelotazo” urbanístico do PP e Carlos Mouriño”.
“A nosa ausencia nos actos da festa local non implica que esteamos en contra da súa celebración”, rematan os nacionalistas, senón que apostan “por reforzala cunha programación participativa, laica e aberta a mosenses e visitantes”. Poir iso declaran o seu “total apoio aos colectivos veciñais e sectoriais que foron convidados e que van participar no acto institucional, porque eles si representan ao concello e á veciñanza”.