Redacción 30/11/2020

A partida orzamentaria adicada á amortización de débeda pública ascende a máis de 1.300.000 euros. A oposición concorda en criticar a falta de realismo na composición das contas e a continuidade dunha xestión irresponsábel. 

 

O Pleno do Concello de Mos aprobou onte, co único apoio do PP, o orzamento para 2021. BNG, PSdeG e GañaMos opuxéronse, mentres que a concelleria non adscrita, anterioremente no grupo socialista, abstívose na votación. O debate decorreu con certa tensión por mor do control estrito nos tempos de intervención dos grupos da oposición, para o cal se dispuxo por primeira vez dun contador, se ben a alcaldesa fixo uso da palabra por tempo ilimitado.

As contas da administración mosense para 2021 están marcadas polo importante esforzo que, unha vez máis, terá que ser realizado para facer fronte ás débedas bancarias contraídas nos anos anteriores. Neste sentido, o Concello asegura que a “débeda cero” será unha realidade paro o ano 2023, á vez que reitera o seu orgullo por presentar as contas “en tempo e forma”.

A contía total dos gastos recollidos no orzamento ascende a 11 millóns de euros, os cales están condicionados en grande medida, ademais, polas consecuencias da crise sanitaria provocada polo COVID-19. De feito, contémplase unha partida específica para estas que, xunto cos gastos asumidos noutras áreas por consecuencia da pandemia, ascendería aos 200.000 euros. Nestes inclúese, segundo o Concello, “un reforzo para a Policía Local e o Servizo de Emerxencias” que se traduciría na cobertura de dúas prazas vacantes na policía e de materiais para o grupo de emerxencia. Ademais, a partida máis elevada e que tamén experimenta unha suba será a de benestar social, achegándose aos 1.640.000 euros, debido ao “incremento de horas de servizo á dependencia (SAF)”, que a oposición pon en cuestión.

O aumento na partida de educación, de 16.000 euros, responde ás necesidades para a aplicación do protocolo de desinfección fronte á COVID-19, chegando aquela aos 108.000 euros. Tamén aumenta, segundo o Concello, a partida do Plan Cultural até os 40.000 euros co obxectivo de “respaldar ás agrupacións do municipio nuns momentos no que a súa atividade está prácticametne a cero”. 

En deportes redúcese a partida de gasto en mantenemento de instalacións, por causa, asegura o Concello, da redución de atividades presenciais e aforo. Destaca porén o apoio financeiro a diversos deportistas e clubes da localidade, como a U.D. Mos Femenino que recibirá até 40.000 euros. Ademais das deportivas, mantéñense as subvencións sociais destinadas a 3 colectivos sociais do municipio, AOMAMOS, AECC Mos e Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, que suman 4.000 euros.

O Concello presentou ademais unha “folla de ruta” de investimentos en parques, saneamento, patrimonio e asfaltado e obras, para os cales serán chave as subvencións recibidas doutras administracións. Alén disto, as contas tamén levan a novidade da contratación de todos os servizos municipais mediante concurso público, de acordo co seu plan económico-financeiro para a corrección da situación contábel do Concello.

Os grupos da oposición, pola súa banda, concordaron unha vez máis en sinalar a “nefasta xestión” económica e a falla de realismo na estimación dos ingresos, tal como ven acontecendo desde hai anos. 

O concelleiro do BNG, Gustavo Barcia, critica que as súas once emendas foran rexeitadas na comisión de facenda sen poder ser debatidas a fondo. Os nacionalistas entenden que o goberno do PP leva doce anos aprobando orzamentos que son “papel mollado”, gastando máis do que estiman inicialmente e, en moitos casos, en cousas innecesarias. O reiterado incumprimento dos orzamentos, como evidencian os 1,5 millóns de euros en faturas acumuladas o ano pasado e que non foran previstas nas contas, dálles aos nacionalistas “razóns para desconfiar” do plan de contabilidade do Concello aprobado onte.

Barcia defende que é preciso reorientar as prioridades de gasto, suspendendo investimentos que non sexan urxentes. Considera que se debe aumentar a partida de servizos sociais, pois o incremento previsto polo goberno de Arévalo non recolle novos usuarios que, segundo teme o concelleiro, haberá o vindeiro ano debido ás consecuencias económicas e sociais da crise sanitaria. Existe xa, de feito, unha grande lista de espera de demandantes de axuda no SAF, tal como sinala Barcia. 

Ademais, o concelleiro do BNG critica a desaparición de partidas específicas para as festas locais, entroido, nadal ou o día das letras galegas, que desta vez o Concello incluíu nun único apartado. Encontra que hai marxe para maiores investimentos en cultura e deporte, especialmente o deporte base. Considera positivo, por outra banda, que haxa maior control sobre as adxudicacións de servizos municipais e que se intente recadar subvencións doutras administracións para poder atender as necesidades do Concello.

A representante do PSdeG, Victoria Alonso, comparte tamén grande parte das críticas, sinalando que as previsións de ingresos do Concello son pouco realistas e, tal como se ven confirmando nos últimos anos, terminarán por descadrar as contas a finais do exercicio. Como exemplo pon o ano 2019, cando o desfase entre os gastos finais e as previsións chegou ao millón de euros. Nestas contas de 2021, considera que as previsións do Concello en termos de ingresos, como os relacionados coa taxa de apertura de novos estabelecementos (45.000 euros de previsión), multas (100.000 euros) e multas urbanísticas (30.000 euros), non se van cumplir tendo en conta a tendencia nos últimos meses e o as malas perspectivas para o vindeiro ano. 

Analizando os antecedentes e a execución dos plans orzamentarios deste ano, Alonso denuncia que se manteña a partida de 4.000 euros para “atencións protocolarias”, pois na metade deste exercicio xa foron gastados 10.000. Da mesma maneira, acha “vergoñento” que os gastos en publicidade e anuncios do órgano do goberno aumentaran até 42.000 euros na metade do ano 2020 fronte aos 31.000 orzamentados para todo o exercicio. Sospeita por estes motivo que os gastos en partidas deste carácter rematarán por ser maiores do previsto tamén en 2021.

Alonso mostra incomprensión fronte ao triunfalismo do goberno local e desconfía das promesas da alcaldesa, asegurando que “fan as contas sen ver a realidade”. Cre a voceira socialista que os anuncios de aumento nos gastos de persoal responden a obrigados aumentos nos trienios, atualizacións ao IPC, antigüidades, e no caso da policía, tamén polo renting dun vehículo. Reclama máis investimentos en parques e xardíns, e servizos sociais, tamén denunciando a grande lista de espera de solicitantes nesa área. Asegura que o CIM recibe unha asignación moi menor á necesaria, atendendo aos gastos dos anos pasados, e denuncia que alcaldesa delegue eses investimentos a posíbeis aportacións da Xunta das que non hai certeza. 

A concelleira socialista reclama tamén maior intervención en emprego e ensino para poder dar resposta ás necesidades reais nestas áreas, así como noutras partidas como cultura, deporte ou patrimonio, a cal só recibirá 1.000 euros. O transporte é outra partida castigada neste ano, e augura que podería rematar por ser eliminada debido á mala xestión do actual goberno.

En relación ao Plan Concellos da Deputación, tamén na orde do día, e as recorrentes aportacións financieiras doutras administracións, a voceira socialista considera que é evidenciada a sensibilidade da situación do Concello, o cal non pode atender con fondos propios as necesidades da veciñanza. Critica o forte endebedamento e os graves problemas de liquidez, que causan atrasos nos pagamentos a proveedores e desaxustes de contabilidade. 

O grupo GañaMós concorda en criticar a xestión das contas do Concello e en sinalar que o texto aprobado para o 2021 está baseado en supostos “ideais” e “ficticios”, con estimacións “non suxeitas á realidade”. En relación ao Plan medioambiental, aprobado pola totalidade do Pleno na mesma sesión, denuncia a falta de coherencia do Concello que, á vez, “quere cargarse” un millón de metros cadrados de solo de especial protección para permitir a construción do proxecto comercial do Celta.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad