Trátase das achegas económicas directas do Concello á hostalería, comercio e autónomos derivadas da pandemia
O tribunal de avaliación formado por técnicas municipais e presidido polo concelleiro de Emprego, David Alonso, resolveu hoxe o primeiro lote de axudas económicas directas otorgadas polo Concello do Porriño a establecementos de hostalería, comercio e autónomos que as solicitaron polo impacto dos peches derivados da pandemia.
Nesta primeira quenda, adxudicáronse axudas por un total de 60.926 € das que 30 son por peche total da actividade, por un importe de 42.926 €; e 15 por cese parcial da actividade, por un valor global de 18.000 €.
O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.
Nesta primeira quenda denegáronse 20 solicitudes de axudas, que xa se notificaron aos interesados para que resolvan as deficiencias e volvan a presentarse. Nas vindeiras semanas, haberá unha próxima reunión do tribunal de avaliación, para otorgar novas axudas con cargo ao fondo total de 140.000€ acordado no pleno da Corporación Municipal do Porriño.