José Docampo 11/06/2021
manifestación polo emprego en Vigo

As dúas ofertas de compra garanten o mantemento da actividade e do emprego nos centros de traballo do Grove e Mos. A mobilización social e sindical, elementos clave na continuidade dos centros de traballo

A responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, amosouse onte convencida de que a conserveira Thenaisie Provoté, con centros de traballo no Grove e Mos, evitará o seu peche e manterá o emprego, unha vez que as dúas ofertas de compra existentes garanten a continuidade do proxecto industrial e dos postos de traballo.

A responsábel sindical compareceu onte en rolda de prensa xunto a representantes da CIG na empresa para anunciar a presentación dunha nova oferta de compra no día de onte, que se vén a sumar á xa existente. “A que se confirmou onte, dun grupo empresarial valenciano, contempla o mantemento do 50% do cadro de persoal, co compromiso de incorporar as persoas que queden fóra a medida que se incremente a produción”, explica Abuín.

A outra, feita por un empresario murciano dedicado á compra-venta de maquinaria conserveira, sería máis a medio prazo: nun principio manterían 10 empregos, mentres se realizan obras de modernización da fábrica, pero despois recolocaría a todo o persoal. Con todo, a CIG está en conversas tamén -ao igual que coas empresas anteriores- con Conservas Rías Baixas, “que non presentou oferta porque solicita que o Igape avale a operación para poder lograr financiamento dos bancos”.

De feito, segundo subliña a responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, a última palabra en todo este proceso téñeno as entidades financeiras, polo que agarda que sexan conscientes da situación social e a da necesidade de manter un proxecto industrial que garanta o emprego “e non pensen só no beneficio económico”.

Abuín salientou que coa mobilización e co traballo sindical “os conflitos poden resolverse, como neste caso, que a loita das traballadoras coa CIG e do conxunto da veciñanza do Grove vai permitir a supervivencia da compañía e de máis dun cento de empregos”.  Por iso asegurou que “podemos dicir case con total seguridade que a conserveira Thenaisie non se pecha”, ao tempo que se amosou convencida de que “sen loita a empresa estaría pechada hai tempo”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad