As obras de construción dunha rotonda no acceso á A55 en Guillarei comezarán este mes e suporán un investimento de 350 mil euros financiados con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra
Este mes darán comezo as obras de construción dunha rotonda en Guillarei na intersección entre a N-550 e o ramal que da acceso á A-55, a altura do Hotel Alfonso I. Suporá un investimento de 357.858.43€ financiado ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.
Trátase dunha infraestrutura longamente demandada que redundará nunha mellora da seguridade vial na zona tanto para peóns coma para o tráfico rodado, nun punto no que se teñen rexistrado numerosos accidentes de diversa gravidade.
Por outra parte o Concello de Tui vén de licitar as obras de acceso á praia de Areeiros en Guillarei por importe de 191.436,36 euros, que serán financiados tamén co Plan Concellos 2020. Esta actuación mellorará as condicións do vial de acceso a un dos enclaves naturais do municipio máis visitados.
Tamén compre lembrar que está en execución, cun importe de importe de 117.276,09 €, con cargo do Plan Concellos 2020, as obras de humanización da estrada da Veiga. A actuación abrangue case 1,5 quilómetros dende a intersección coa Ponte Romana até a rotonda situada na PO-404. Estase a acondicionar unha ruta peonil e vía ciclista, substitúese o bordillo de separación entre a calzada e a zona peonil e ciclista por un elemento continúo e sen aristas vivas. Os pasos de peóns existentes serán substituídos por outros elevados e con iluminación intelixente. Tamén se están a crear zonas de descanso e sombra.