José Docampo 09/06/2021

O BNG solicitará unha comisión informativa sobre o proxecto e pedirá á Físcalía que investigue o asunto, no que a alcaldesa concedeu licenzas irregulares e “actuou como promotora dun pelotazo urbanístico”. O PSdeG tamén pide a demisión inmediata.

A sentenza dictada esta semana, na que ficaron constatadas as irregularidades na concesión de permisos urbanísticos por parte do Concello de Mos en favor do macroproxecto do Celta mobiliza aos grupos da oposición para exixir á alcaldesa Nidia Arévalo (PP) a súa demisión. O fallo confirmou a denuncia de veciños e diferentes organizacións sociais e políticas, e sinala á Xunta de Goberno local por ter concedido unhas licenzas urbanísticas irregulares que permitiron ao R. C. Celta e ao Concello esquivar determinados requerimentos legais e administrativos para así acelerar a construción do polémico proxecto.

O BNG entende que “a alcaldesa non só concedeu licenzas irregulares para a Cidade Deportiva do Celta, senón que o fixo conscientemente e actuou como promotora dun pelotazo urbanístico”. O grupo representado por Gustavo Barcia vai solicitar unha comisión informativa sobre o proxecto e pediralle á Fiscalía que abra unha investigación sobre a xestión do goberno do PP.

A sentenza que anula as licenzas da cidade deportiva do R.C. Celta “non nos pilla por sorpresa”, engaden. Dende o BNG “xa advertimos, en reiteradas ocasións, sobre a falla de garantías dos procedementos seguidos para autorizar a construción dos campos de fútbol, os vestiarios e as instalacións auxiliares nuns terreos rústicos de protección forestal”. A normativa non permitía levar a cabo todas as edificacións proxectadas, e o BNG entende que Arévalo “non só o permitiu, senón que o promoveu cando sabía que era algo totalmente irregular”.

“O goberno do PP retorceu as normas urbanísticas para favorecer os intereses dos especuladores”, resumen os nacionalistas, que tamén lamentan “que o Concello de Mos presentará recurso contra esta sentenza”, incrementando o montante de diñeiro público “malgastado” en accións xudiciais para “defender aos promotores do ‘pelotazo’ e atacar á veciñanza que loita polo monte e a auga”. Piden ao goberno que non leve adiante o recurso, que acaten a sentenza e tomen “as decisións precisas para restablecer a legalidade urbanística”. Consideran que “algunhas actuacións son dificilmente reversibles”, mais que aínda se estaría a tempo “de minimizar os danos”.

O BNG critica a “megalomanía” de Mouriño e da alcadesa, Nidia Arévalo, a quen piden a demisión e acusan de pasar “por riba da vontade da veciñanza, do patrimonio ecolóxico do noso concello e da propia lei” por unha “obsesión por contentar ao presidente do R. C. Celta”. Dende o BNG solicitarán unha comisión informativa extraordinaria para que o goberno municipal, ao completo, dea as explicacións pertinentes e pedirán á Fiscalía que actúe de oficio para investigar todo este proceso da “Cidade deportiva”. “Cada vez é máis evidente que se cometeron numerosas irregularidades, contrarias ao interese público, para favorecer a unha empresa privada”, continúan.

O PSdeG de Mos tamén solicita a demisión da rexedora do PP. “Na súa obsesión, a alcaldesa levouse por diante a tres concelleiros de Urbanismo e arrastrou ao presidente da Xunta a unha inauguración escandalosa”, critican, á vez que anuncian unha posible petición de actuación á Fiscalía.

A voceira do PSdeG en Mos, Victoria Alonso, opina que “a alcaldesa de Mos avergoña e mancha o nome deste concello e o único que pode facer, despois de ter perpetrado a maior ilegalidade urbanística da historia recente de Galicia, é marchar antes de que teña que facelo por obriga legal”. Alonso considera que a sentenza sobre as dúas “licenzas exprés” concedidas en 2018, “é unha crónica xudicial anunciada”, tal como viñan prognosticando xa dende o mandato pasado os grupos da oposición e a comunidade de montes de Tameiga.

Os socialistas non descartan acudir á Fiscalía para que impulse un procedemento penal contra Arévalo e, ademais, preparan unha denuncia pola afección dos campos de fútbol e vestiarios aos sistemas de abastecemento de auga veciñal. Recalcan que a “inauguración pantasma” a porta pechada celebrada o pasado día 28 de novembro de 2020, estivo tristemente encabezada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, “que foi involucrado nun asunto moi feo, xunto co presidente do Parlamento galego e o conselleiro de Medio Rural, que terían que terse coidado de non facerse aquela foto, que se entón era unha foto vergoñenta, hoxe é unha foto escandalosa”.

Naquel acto Feijoo, din os socialistas, Feijoo falaba de promocionar o “patrimonio deportivo”, mais “o único patrimonio afectado foi o arqueolóxico, arrasado coa conivencia do Concello e da propia Xunta”. Victoria Alonso subliña que o Concello de Mos organizou “con total desvergoña” varios actos nas instalacións irregulares do Celta, o último deles a presentación da Volta Ciclista, do cal a alcaldesa asegurou sentirse “orgullosa” apesar das críticas que custaron. Máis aínda, denuncian os socialistas, Arévalo presumiu reiteradamente de poñer as instalacións “a disposición da veciñanza, cando xa hai unha sentencia que di que son ilegais”. “Mil e unha veces lle dixemos a alcaldesa que esa obra era inmensa e que tiña un gran impacto urbanístico, social e ambiental, polo que non se podía sacar adiante con dúas ‘licenciñas directas’ outorgadas pola Xunta de Goberno Local e o Xulgado deunos a razón, porque é unha obra de gran magnitude que debe ampararse cun planeamento urbanístico específico previo e, por tanto, debe pasar polo Pleno e someterse a todo tipo de informes sectoriais”, finaliza a voceira socialista.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad