Solicita ao Goberno Local que reclame ao Goberno Central o diñeiro do desentullo de Paramos
O concelleiro de Converxencia 21, José Palacín, solicitará novamente no próximo pleno que o Goberno Local do Partido Socialista reclame o diñeiro que o Goberno de España lle debe ao Concello de Tui en concepto dos traballos de desentullo que a administración local adiantou no propio ano da traxedia.
Palacín lembra que en 2018 o anterior rexedor, o liberal D. Carlos Vázquez Padín, insistiu de forma determinativa no Ministerio de Política Territorial para que fora esta entidade a que abordase a xestión de forma directa, a conta de fondos estatais, pero finalmente foi o Concello o que se veu obrigado a adiantar a totalidade dese montante, 753.249,15 €(Base: 622.519,96 €; IVE: 130.729,19 €), comprometéndose o Estado a devolvelos en virtude do BOE do 23 de Xaneiro de 2019 polo cal o ámbito do Barrio da Torre de Paramos foi declarado “Zona Catastrófica”.
C21 non comprende porque despois de tres anos dende a traxedia o Goberno de D. Pedro Sánchez Castejón aínda non ofreceu unha solución satisfactoria a esta demanda, e máis cando o Goberno de C21 deixara esta cuestión practicamente solucionada dende o punto de vista administrativo.
Palacín declara estar disposto a apoiar politicamente ao actual rexedor, D. Enrique Cabaleiro, para recuperar esta importantísima cantidade e que supón unha quinta parte do actual remanente líquido de Tesourería do Concello de Tui, aínda que o liberal Palacín detecta: “Un certo desleixo e escasa determinación por parte do novo executivo local”.