José Docampo 08/06/2021

Un Xulgado ordena ao Concello de Mos revisar a licenza dos campos de adestramento do Celta e anula a dos vestiarios, trala denuncia da Comunidade de Montes de Tameiga. A xuíza destaca que a Administración local autorizou directamente as obras en chan rústico en favor do proxecto do Celta, sen tramitar antes o necesario Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas. O Concello recorrerá a decisión.

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra acolleu o recurso interposto pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga e revogou a licenza de obras concedida en outubro de 2019 polo Concello de Mos ao Real Club Celta de Vigo para a construción de vestiarios e instalacións auxiliares imprescindibles nos campos de adestramento situados na parroquia de Pereiras. Ademais, condenou á Administración demandada a incoar, tramitar e resolver en prazo un expediente de revisión de oficio da licenza de obra outorgada en novembro de 2018 polo Concello de Mos ao Celta para a execución dun campo de fútbol dobre de 16.576 m2 cun aparcamento de 5.500 m2.

A xuíza explica na resolución, contra a que cabe interpoñer recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que a Administración local incorreu “nun vicio de nulidade susceptible de provocar a admisión a trámite dunha solicitude de revisión de oficio como a formulada pola comunidade de montes” con respecto á primeira licenza, outorgada en novembro de 2018, “por concederse sen a aprobación previa dun plan de dotacións”. Todo iso conduce, segundo o fallo, á anulación da segunda licenza, concedida en outubro de 2019, porque estariamos ante obras “indisoluble e ineludiblemente unidas ou asociadas ás licenciadas en primeiro lugar”.

“Observadas, na súa xusta dimensión, todas as obras que se licenciaron con motivo de cada un deses dous acordos, constituirían un resultado final conxunto, un todo, que se viu licenciado/autorizado nuns termos alleos aos que esixiría a normativa urbanística de aplicación (Lei do Solo de Galicia)”. A maxistrada indica que o proxecto autorizado finalmente, como resultado deses dous acordos, “ten un alcance ou entidade moi superior ao que se entende por implantación en chan rústico dun campo de fútbol cuns vestiarios (mínimos, pequenos, necesarios para o uso da instalación orixinaria)”. Así, salienta que “encaixa, máis fácil e claramente, no que se denomina ‘equipamento deportivo’, denominación que, por outra banda, e para este caso, mesmo é a que se emprega polos solicitantes das licenzas con motivo da presentación dos planos do proxecto básico presentado para a autorización de vestiarios e edificacións auxiliares ‘imprescindibles’ e autorizado na segunda das dúas resolucións aquí discutidas”.

Dos planos dos dous proxectos autorizados polo Concello de Mos nos dous acordos, é posible deducir, segundo a xuíza, que as obras “conformarán un conxunto completo (unha unidade final, se estamos ao seu resultado) cun alcance ou entidade que resulta máis cualificable como ‘equipamento deportivo privado’ a instalar en chan rústico”.

Na resolución, a maxistrada lembra que a Lei do Solo de Galicia esixe para a autorización da execución de obras en chan rústico que encaixen na definición de ‘equipamentos deportivos’ “a tramitación dun Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, o que fai insuficiente, á hora de telas por correctamente autorizadas, que se lles outorgue licenza directa, sen acudir antes á tramitación do oportuno expediente destinado á aprobación dun plan especial de dotacións”.

Pola súa banda, o Concello de Mos considera que a sentenza “da xuíz” é fundamentada apenas “nunha cuestión de forma”, e que “os permisos deberían ter sido concedidos dentro dun Plan Especial de Dotacións en non a través de licenza municipal”. Deducen polo tanto que as obras “non son ilegais”. “Son totalmente compatibles e autorizables urbanísticamente en solo rústico, ademáis de estar avaladas polos técnicos municipais e contar con informes favorables da Xunta de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea)”, engade a administración local, apesar dos contínuos atrancos que o proxecto se encontrou desde os seus inicios.

O Concello dirixido por Nidia Arévalo, que desde o inicio do proxecto prestou un total apoio e colaboración en favor das pretensións do R. C. Celta, recorrerá ante o TSXG. A súa teima en levar até o final procedimentos xudiciais derivados das irregularidades do proxecto do Celta xa custou críticas contra o goberno local polos custosos gastos que supoñen para os fondos públicos que xestiona o Concello.

Apesar de todo isto, asegura o Concello de Mos que, caso o TSXG ratifique a sentenza do Contencioso Administrativo, conta co procedento do Plan Especial de Dotacións “moi avanzado”, pendente “tan só de dous informes sectoriais”. Entenden así, e apesar do constatado na sentenza desta semana, que a Cidade Deportiva “sempre quedará respaldada pola legalidade urbanística”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad