A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe en Vigo con empresarios da provincia de Pontevedra
A responsable autonómica salienta a importancia para o sur da Comunidade deste ámbito empresarial, que coa súa posición estratéxica e as condicións vantaxosas de acceso ás súas parcelas atraerá novos asentamentos industriais a esta zona
Segundo o anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, o prazo para que as empresas presenten as súas ofertas ante o IGVS remata o vindeiro 31 de agosto
Xunta e patronal analizan tamén a modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais, que afectará directamente a sete concellos de Pontevedra
Os cambios nos que se está a traballar permitirán incorporar preto dun millón de metros cadrados á planificación de novo solo empresarial nesta provincia
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convocou hoxe unha poxa pública para sacar ao mercado a prezos competitivos case 280.000 metros cadrados repartidos en 39 parcelas na Plataforma Loxística e Industrial de
Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan), unha superficie á que poderán acceder as empresas interesadas tanto en réxime de compravenda como en dereito de superficie.
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que tras reunirse cos presidentes da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, e da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, salientou a importancia desta nova poxa pública sobre a Plisan, a maior área empresarial do sur da Comunidade e promovida pola Xunta, Autoridade Portuaria de Vigo e Zona Franca.
Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou que é a segunda vez que se comercializa solo na área loxística empresarial da Plisan e que ao igual que na poxa convocada no ano 2019 —que se resolveu coa adxudicación de cinco parcelas— os prezos de venda serán “moi competitivos” co fin de facilitar ao máximo novos asentamentos empresariais.
“Conseguimos entre todos que salga solo a prezo bonificado na Plisan, tal e como vén establecendo a Xunta desde fai un tempo. É unha demanda que facemos a todos aqueles sectores do ámbito público que están desenvolvendo áreas empresariais, porque estas deben ser accesibles para os empresarios”, asegurou a conselleira tras a reunión, na que
participaron tamén varios empresarios da provincia.
Así, explicou que na convocatoria deste ano o prezo base de saída do solo oscila entre os 53,21 €/m 2 das parcelas de máis de 20.000 m 2 e os 71,71 €/m 2 do resto, unhas contías na liña dos prezos bonificados do solo empresarial da Xunta e que atribuíu ao traballo intenso realizado para comercializar a superficie dispoñible na Plisan a prezos competitivos.