Despois de reiterados contactos coa Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade e Ministerio, o colectivo de persoas con discapacidade intelectual usuarios de centros de día e ocupacionais segue sen ser unha prioridade para a vacinación contra a COVID-19.
Dende a Federación Galega de Asociacións de Persoas con Discapacidade Intelectual (FADEMGA Plena inclusión Galicia) continúan a reclamar ao Presidente da Xunta e á Consellería de Sanidade que se priorice de forma moi urxente a vacinación de todas aquelas persoas con discapacidade intelectual usuarias de centros de día, centros ocupacionais e servizos especializados.
Trátase dunha reivindicación que se fai desde o pasado mes de xaneiro, despois de sucesivas cartas enviadas tanto ao presidente da Xunta como ao conselleiro de Sanidade e ao Ministerio de Sanidade, quen argumentaron que a estratexia de vacinación que se está seguir ven marcada polo plan nacional que están obrigados a cumprir.
Con todo, o galego é o único goberno autonómico, xunto con Madrid e Castela e León, que non priorizou a este colectivo que continúa sen vacinar. FADEMGA critica que, como ten pasado nas restantes comunidades, de existir vontade política, a vacinación de todas estas persoas sería posible.
Tamén lembran á Xunta de Galicia que se trata de persoas que en moitas ocasións contan con patoloxías asociadas e mesmo con dificultades para o uso de máscaras e que dende o inicio da pandemia veñen soportando limitacións moi superiores ao do resto da poboación: dende o peche dos centros ou a limitación de terapias, actividades e servizos ata a obriga de seguir relacionándose en grupos burbulla. Situacións que ademáis continúan a xerar una serie de importantes sobrecostes ás entidades.
O pasado venres 28 de maio enviouse novamamente dous escritos tanto á presidencia da Xunta como á Consellería de Sanidade coa reivindicación. A día de hoxe, FADEMGA aínda non recibíu resposta.