Os populares de Mos, que sustentan a alcaldía, lanzaron nas súas redes sociais críticas dirixidas contra a voceira municipal socialista e deputada provincial, Victoria Alonso, pola súa presencia en FITUR para promocionar a campaña da Deputación sen ter acudido ao acto do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño no que participaba o Concello mosense. Alonso di que non recibiu convite, acusa aos populares de mentir e exixe deles unha rectificación.
Hai menos de 24 horas, o PP de Mos, que sustenta a alcaldía de Nidia Arévalo, publicou nas súas redes sociais un comunicado onde criticaban duramente á voceira socialista Victoria Alonso: “lamentable que unha concelleira da oposición na Corporación Municipal, voceira dun dos grupos, estea onte en Madrid, en FITUR, promocionando á cidade veciña, e non se achegue á presentación do Xeodestino no que se promocionaba ao seu propio Concello e que tivo lugar o mesmo día”, aseguraron os populares, engadindo que “unha vez máis queda claro quen defende os intereses de Mos por riba de todo”. Remataron insistindo que “unha vez máis queda claro quen leva posta a camiseta de Mos”, referíndose a Arévalo, e quen “únicamente a do seu partido”.
Certamente, a alcaldesa acudíu a Madrid para participar na promoción da campaña do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, xunto con outros importantes representantes locais e da Xunta, cunha marcada presenza de cargos do Partido Popular. Por outra banda, a deputada provincial de Cultura e Igualdade, e voceira socialista en Mos, Victoria Alonso, acudíu xunto con compañeiros do partido e cargos políticos aos actos de promoción turística da Deputación.
Alonso afirma que sacou fotos con diferentes alcaldesas e alcaldes da provincia, mais apenas asistiu á presentación da campaña #ÉoTeuMomento, polo que “non participou na presentación de Vigo nin acudiu a ningunha outra”, contrariamente ao publicado polos populares mosenses. Engade que “tampouco participou na presentación do Xeodestino do Baixo Miño ni na presentación da Volta ciclista porque non foi convidada”, e que ao remate da presentación para a cal estaba en Fitur, co único fin de promover o turismo e cultura da provincia coma Deputada provincial, viaxou de volta cara Mos.
Alonso declara estar abraiada polo nivel político “tan baixo que demostra ter o PP mosense” e non concibe que usen tales “mentiras para desprestixiar a súa persoa”. Denuncia que está recibindo un ataque desproporionado cara a súa persoa polo feito de ter un cargo de deputada provincial, e engade que “o PP vese na obriga de empregar mentiras por medo ante o traballo ben feito”.