Redacción 19/05/2021

Esta mañá celebrouse o pleno extraordinario solicitado polo PP en varias ocasións e que a alcaldesa socialista “intentou evitar a toda costa”

Alejandro Lorenzo sinala que nos últimos catro anos “contabilízanse 16 millóns de euros en facturas con reparo de intervención, unha cifra desorbitante e de récord para esta alcaldesa” 

 

 

Esta mañá celebrouse o pleno extraordinario solicitado en varias ocasións polo PP do Porriño e que a alcaldesa socialista intentou evitar “a toda costa”. Ante esta negativa, o secretario notificou a convocatoria atribuída por Lei. Todos os puntos propostos polo PP foron aprobados pola maioría do pleno municipal, coa oposición do Goberno.

Durante a sesión, o voceiro popular, Alejandro Lorenzo, denunciou que a empresa Guanabara Proxectos e Inversións incumpriu varios contratos de alugueres co Concello do Porriño, “ante a pasividade do Goberno local”, e por iso esixe que se reclame á empresa por suposto enriquecemento inxusto. Pero, o que é peor, “un ano despois o Concello do Porriño comprou eses locais á mesma empresa por aproximadamente un millón de euros”.

Lorenzo explicou que esta empresa reclamou facturas de alugueres ao concello por importe de preto de 80.000 €, co compromiso de que ía acondicionar os locais para uso municipal. “Pero esta empresa non só incumpriu o pactado, senón que demandou no xulgado as súas facturas, sen oposición ningunha por parte do Goberno municipal, que parece que todo lle dá igual e non defende os intereses dos veciños do Porriño”. Pero o máis grave, engade, “é que non só se incumpriron os acordos pactados e non se reclamou nada á empresa, senón que un ano despois o Concello do Porriño adquiriu de xeito directo á mesma empresa os locais que a día de hoxe continúan lóbregos”.

“Unha situación totalmente inaceptable, para quen é responsable das contas municipais e debe velar polo interese dos veciños”, criticou Lorenzo, que no pleno volveu a referirse aos reparos continuados do servizo de intervención municipal por “facturación sen procedemento, algo reiterado no Concello do Porriño”. Nesta liña, recordou que nos últimos catro anos contabilízanse 16 millóns de euros en facturas con reparo de intervención, “unha cifra desorbitante e de récord para esta alcaldesa”. Como exemplo, subliñou un novo caso, “a facturación irregular e sen procedemento algún da empresa Fluge, que son servizos de megafonía ou audiovisual, que nada ten que ver cos servizos básicos deste concello e que facturou máis de 200.000 € sen procedemento algún”. Sobre estas facturas, o PP desvelou que o informe do secretario municipal informa, “de xeito contundente”, que non consta a existencia de procedementos administrativos de contratación pública, como tampouco hai informes de técnicos ou persoal do departamento de Cultura que acredite que os traballos se fixeron e advirte, que non se cumpriu cos acordos plenarios de xullo e agosto de 2020 sobre a revisión de oficio da facturación presentada pola empresa.

Por último, o PP tamén pediu a revisión das nóminas aboadas á alcaldesa do Porriño durante a súa ausencia por enfermidade ou prescrición médica, de xeito reiterado en diferentes medios e pola que delegou as súas funcións no tenente de alcalde. “Cobrou o cen por cento da nómina porque non presentou partes de baixa médica como se lle esixe a calquera traballador, que si vería reducidos os seus ingresos por enfermidade, como se recolle na Lei da Seguridade Social”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad