Redacción 15/05/2021

Estimado o recurso interposto polo PP contra o Concello do Porriño por negarlle o acceso á documentación municipal 

O xulgado resolve que a actividade administrativa impugnada non é conforme a dereito e que a Administración Local vulnerou o dereito fundamental á participación nos asuntos públicos. Entre a documentación que non se entregou, inclúense a documentación e facturas que o Goberno local ten agochadas no caixón e superan os 4,5 millóns de euros. Alejandro Lorenzo sinala que a sentenza reflicte “a constante mentira, ocultación intencionada e falta de transparencia do Goberno local do Porriño”.

O Contencioso Administrativo do Xulgado de Pontevedra estimou o recurso interposto polo Partido Popular do Porriño ante a negativa da Alcaldía de aportar documentación relativa ás cuestións tratadas en diferentes plenos municipais, principalmente sobre as facturas que o Goberno local ten agochadas no caixón e que superan os 4,5 millóns de euros. 

O xulgado resolve que “a actividade administrativa impugnada non é conforme a dereito, e que a Administración Local demandada vulnerou o dereito fundamental á participación nos asuntos públicos do artigo 23 CE do demandante, condenándose ao Concello do Porriño a repoñer no seu dereito ao demandante”. 

Os concelleiros do PP reclamaron en varias ocasións documentación e acceso a estas facturas, solicitudes que foron rexeitadas incluso pola interventora interina do Concello do Porriño alegando, no seu informe, a existencia dunha circular de Alcaldía no que se omite o dereito de acceso directo a esta documentación e se advirte de que as solicitudes de información ou acceso aos expedientes deben ser sempre autorizados por Alcaldía. 

Agora a sentenza deixa claro e indica que se vulneraron os dereitos fundamentais do voceiro popular e dos seus compañeiros de Corporación Municipal. A sentenza Contencioso – Dereitos fundamentais 0000160 /2020 estima “o recurso contencioso administrativo interposto, en defensa do dereito fundamental de Manuel Alejandro Lorenzo, contra a denegación de acceso á documentación e información solicitada polo demandante e que sería obxecto de Pleno Extraordinario convocado (en concreto a facturación rexeitada polo sistema FACE, partes de rexeitamento, conformidade ou disconformidade con tal facturación”. 

Para os populares a sentenza, ademais, expón un dato que pon de manifesto “a burla total aos concelleiros da oposición no Concello do Porriño”, xa que recolle que “se manifesta que a máis burda das actuacións do grupo de goberno consistiu no envío ao demandante, e só a el, e a partir do día seguinte a celebración deste último pleno, de máis de 1.700 correos electrónicos e accesos a diferentes expedientes de facturación a través do programa Gestiona, no que quedan rexistradas as súas datas. Esta documentación debería integrar e figurar nos expedientes dos plenos xa celebrados. Ese envío a posteriori só obedece –non ten outra explicación- ao intento de disimular a denegación do acceso á documentación e información correspondente a uns expedientes de suma importancia e transcendencia económica e patrimonial”. 

Para Lorenzo, isto reflicte “a constante mentira, ocultación intencionada e falta de transparencia do Goberno local do Porriño”, e recorda que no pleno de xullo de 2020 a Concelleira de Facenda dicía que “teñen toda a documentación entregada,  temos xunta de portavoces,  temos  comisións,  teñen un tocho así de papel que imos acabar coas  árbores todas, que isto é inhumano, teñen acceso aos expedientes, teñen acceso a Xestiona, teñen acceso a todo.  Eu  non podo  darlles nada  máis porque  non  teño nada  máis”. 

Por último, o voceiro local do PP do Porriño anuncia que os populares destinarán as costas que deberá abonar a parte demandada, e que non superan os 700 euros, para axudar aos diferentes colectivos e asociacións máis vulnerables do Porriño na loita contra a pandemia da Covid-19.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad