Tras o proxecto plástico das lonas expostas no Centro Cultural Municipal e no Concellodo realizadas polo IES Ribeira do Louro, dende o 6 e ata o 30 deste mes podemos gozar dos Poemas de Xela Arias e retratos do fotógrafo Xulio Gil
A exposición “Poesía do Retrato” xa pode ser visitada no vestíbulo do Centro Cultural Municipal dende o 6 ata o 30 de maio, onde a concellería de Cultura, Cami Moreira, xa expresa no limiar do libro-catálogo da exposición que: “A poeta XELA ARIAS, foi unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea”.
A súa pegada, parte dun proxecto artístico onde encaixan harmónicamente novos espazos para a poesía, como son a fotografía, a música a pintura, verdadeiras coartadas que afondan no empoderamento do corpo feminino e na perspectiva de xénero.
A súa poesía son azoutes de vida descarnada, de palabra tensa e contida, lonxe do artificio e a retórica; puro corpo onde sentir a violencia da existencia humana na que irremediablemente nos construímos, nos destruímos e nos reconstruímos nun rodopío continuo, non exento da beleza da palabra que se fai voz, que se fai murmurio, que se fai berro, que se fai alento…
Con esta homenaxe tamén se recoñece a dimensión pública e comprometida de Xela non só como poeta, senón tamén de quen sempre estivo posicionada a favor da lingua galega, de quen prestou a súa voz en mobilizacións cívicas, como as que se produciron pola marea negra do Prestige.
Innegable é a súa contribución, case como pioneira no labor da tradución á nosa lingua dos textos fundamentais da literatura universal.
Nesta “Poesía do Retrato” podemos gozar de Xela quen: “Ándame sempre as mans facendo praias imposibles; pode ser de non medrar e caer no intento os dedos partidos…”