O orzamento total da obra ascende a 90.000 euros dos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asumirá o 70%.
O Concello de Mos anunciou esta semana que lle foi concedida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia unha axuda do Plan Hurbe que permitirá acometer “o proxecto de mellora” da Urbanización de San Eleuterio.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver as axudas para crear ou mellorar infraestruturas municipais a un total de 39 concellos galegos, entre os que se atopa o de Mos. O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado mércores 28 de abril a resolución pola que se anuncia a concesión destas axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.
Esta liña de subvencións ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación. A axuda concedida para a mellora da Urbanización de San Eleuterio equivale ao 70% do custo total da actuación.
As obras de Mellora Interior da Urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, teñen finalidade de renovar fundamentalmente beirarrúas e pavimentos das vías de circulación e o acondicionamento dunha parcela municipal, coa finalidade de dotala de pavimento, vexetación e mobiliario urbano acorde co uso que se pretende. As obras previstas abarcan os conceptos de demolición dos pavimentos asfálticos en mal estado, de pavimentación de vías de circulación e sinalización horizontal e vertical e pavimentación do novo espazo de recreo e execución de muros de cachotería e plantación de especies arbóreas e instalación de mobiliario urbano. O prazo de execución que se propón é de 2 meses. E o orzamento total da obra ascende a 90.000,00 euros.