A feira acontece na Eurocidade de Tui – Valença do 9 ao 11 de Setembro de 2021 cuxa programación combinará encontros profesionais con actividades abertas ao público
O MUMi é o primeiro mercado profesional de música e cultura organizado polos dous territorios ibéricos e promovido por unha asociación que integra empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués, có obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as músicas de ambos países.
O MUMi – Músicas no Minho acontecerá nos días 9, 10 e 11 de Setembro de 2021 na Eurocidade Tui – Valença , mantendo as condicións para que as oportunidades e boas prácticas entre o sector da música en Portugal e Galicia se concreticen.
O encontro reunirá artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, editoras, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinérxias sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa.
A feira contará cunha programación profesional que incluirá actividades de formación (técnica, xurídica, marketing), speedmeetings (encontros rápidos) entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e Portugal, e unha feira sectorial coa presenza das empresas das diferentes áreas do sector.
Tamén haberá concertos abertos ao público en xeral coa selección de propostas musicais de diversos estilos e formatos, nunha programación que demostrará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares para o público familiar e adulto.