Será o vindeiro mércores 24 e xunto aos xa formantes desta Comisión, agora únese tamén Ecoloxistas en Acción
A alcaldesa Eva García asinou hoxe a convocatoria da Comisión Especial para a Descontaminación de Lindano, que se reunirá de novo o mércores 24, ás 19:00 h, no salón de plenos do Concello.
Nesta reunión, o Goberno local informará sobre as calicatas que están a desenvolver no municipio as empresas “Geocysa” e “Edafotec”.
Esta Comisión constituíuse o 19 de febreiro de 2020, para cumprir un mandato da corporación que aprobou unha moción formulada polo grupo municipal de EU SON, que propiciou o acordo plenario unánime para a creación desta Comisión Especial.
Forman parte da mesma todos os grupos políticos da corporación -PP, PSOE, EU SON, BNG e UDDL-; así como unha representación das Consellerías de Medio Ambiente e de Sanidade da Xunta de Galicia; os tres principais sindicatos -CCOO, UXT e CIG-; representantes veciñais de Relva, Alba e San Salvador; a Plataforma de Afectados polo Líndano e, a partir deste vindeiro mércores, incorporase a asociación Ecoloxistas en Acción.