Esta nova convocatoria comprende obras de reparación ou substitución de redes de distribución, gastos de sistemas de almacenamento, potabilización, mantemento, conservación ou analíticas
O Concello do Porriño anuncia as bases e convocatoria para a concesión de subvencións municipais ás comunidades de augas de consumo para o control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante o presente ano 2021.
A convocatoria, a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.
O obxecto das axudas comprenderá a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución -cando non superen os 20 m-, gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.
Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 95.000 € cun límite de máximo de 8.000 € por asociación.
Nas bases establécense os requisitos a cumprimentar polos solicitantes, a documentación que se achegará, os criterios para a concesión das subvencións e a comisión técnica que avaliará as solicitudes. Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP DEPO) ábrese o prazo para presentar as solicitudes.
No ano 2020 repartíronse un total 59.976 € nas achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, conforme a resolución final da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.