Redacción 20/02/2021

O Concello de Mos emite unha nota de prensa onde critica ao Ministerio de Facenda e Deputación por “impoñer” a revisión catastral sen previo aviso, evitando así que poida “defender os dereitos dos veciños”. Porén, a oposición lembra que a ponencia de valores vixente en Mos é do ano 1988, unha anomalía que dá lugar a irregularidades e graves situacións discriminatorias.

 

O Concello de Mos lanzou onte importantes críticas contra o Ministerio de Facenda que, a través do Catastro, publicou esta semana o inicio dun novo Procedemento Simplificado de Valoración Catastral que afecta tamén a outros concellos como o de Salceda de Caselas, Bueu e O Porriño. O Concello asegura que tal decisión non foi comunicada durante unha reunión levada a cabo anteriormente esta semana entre a alcaldesa Arévalo e a Xerente Territorial do Catastro, e denuncian a “actitude hostil” mantida na mesma contra o Concello. A alcaldesa considera indignante que non deran previo aviso, se ben recoñece a legalidade da decisión.

Igualmente, o goberno local recoñece que a revisión catastral é debida á falla de coherencia entre o relatorio de valores vixente, publicado no ano 1988, e o estabelecido no PXOM de 2017, de maneira que determinados chans de consideración urbana estaban excluídos desa delimitación no Catastro. Fontes da oposición sinalan que esta situación debeu ser corrixida hai anos para evitar discriminacións como as que, por exemplo, benefician a empresas situadas no polígono industrial, que pagan o chan como rústico e non industrial. 

Tamén nun comunicado público, o PSdeG de Mos reacciona asegurando que o Concello pretende enganar á veciñanza, pois a atualización do catastro é un procedemento “habitual” despois da aprobación definitiva e entrada en vigor do PXOM. Sinalan que “o Concello de Mos é sabedor de que un aumento podería acontecer nalgún momento” e mesmo que “o demostra cando elabora os orzamentos e fai unha previsión de ingresos superiores ás do ano anterior, chegando a presupostar dous millóns de euros nesta partida, 100.000 euros máis ca no ano anterior”.

Engaden que “o Concello de Mos ten delegadas as competencias de recadación no Oral”, polo que é o Concello quen “envía o padrón cos ingresos a este organismo para que efectúe o cobro”. A voceira socialista, Victoria Alonso, móstrase contraria a “este tipo de manipulación da información, engano e o abuso de poder dunha institución para facer ataques partidistas”. Engade que isto só pode deberse a un “nerviosismo incontrolado” por parte da alcaldesa ao sentir que debe enganar a veciñanza para intentar obter rédito político. Finaliza dicindo que espera que a alcaldesa se desculpe e retracte.

Para os propietarios afectados iníciase o prazo de trámite de audiencia de 10 días e, unha vez transcorrido, procederase por parte do Catastro á correspondente notificación individualizada dos valores catastrais resultantes. O Concello anima aos titulares catastrais afectados para que acudan con cita previa á Xerencia do Catastro para formular alegacións e presentar probas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad