A Deputación lanza “Elas son a forza do Nadal” a campaña para visibilizar o papel das mulleres productoras e comerciantes da provincia.
“Todo o que chega aos nosos pratos no Nadal, pero tamén durante todo o ano, é posible grazas ao traballo diario das mulleres” destacou Carmela Silva.
A campaña, protagonizada por nove mulleres produtoras e comerciantes da provincia, divulgarase en redes sociais e medios online e offline.
“Queremos poñer en valor o traballo que desenvolven as mulleres do sector primario da nosa provincia que permiten que o mellor produto, o produto de proximidade, poida chegar ás nosas mesas durante o Nadal”, destacou Carmela Silva na presentación da campaña “Elas son a forza do Nadal” que vén de lanzar a Deputación xunto a Anmupesca, Fademur e AcuBam. Silva estivo acompañada na presentación desta nova iniciativa pola peixeira do mercado de Teis Bea Reimóndez e a viveirista e presidenta de AcuBam Mariví Álvarez, amais da presidenta de Fademur Rosa Arcos.
“Todo o que chega aos nosos pratos no Nadal, pero tamén durante todo o ano, é posible grazas ao traballo diario das mulleres”, incidiu a presidenta da Deputación. Por este motivo a campaña, que será divulgada en redes sociais e medios on e off line, estará protagonizada por nove mulleres reais da provincia de Pontevedra que permitirán, en palabras de Silva, “poñer en valor o seu traballo, defender ás nosas produtoras e facer un chamamento á xente para que merque produto do noso e no comercio local”. A presidenta aproveitou amais a ocasión para reivindicar cuestións que afectan directamente ás mulleres do sector primario da provincia, sumándose á causa das redeiras, que reclaman a aplicación do coeficiente redutor para a xubilación. Tamén incidiu no papel das mulleres no mundo rural: “soamente terá futuro se as mulleres deciden quedarse nel”.
Pola súa banda a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, subliñou a importancia de lanzar iniciativas “en positivo” como esta campaña, máis “neste ano tan malo”, e por impulsar o produto de proximidade, “feito por mulleres que levan moitos anos coidando da nosa terra”. Na calidade do produto afondou a peixeira Bea Reimóndez, quen destacou a “forza” das mulleres “para sobrevivir nestes tempos tan duros e traballar arreo para que todas as persoas poidan contar cunha boa vianda no Nadal”. Finalmente, a presidenta de AcuBam Mariví Álvarez enxalzou a importancia da campaña “porque precisamos reforzar, crer e facer que a xente crea no produto local, que está a consumir produtos bos porque cada día as produtoras estamos a superarnos e a evolucionar para mellorar”.
En total son nove as mulleres protagonistas da segunda edición da campaña “Elas son a forza do Nadal”. Trátanse de mulleres profesionais autónomas ou profesionais de empresas de distintos sectores da provincia que falan do seu traballo, a súa paixón por el, as dificultades e o trato que reciben. En concreto, aparecen no vídeo Bea Reimóndez, pescadeira e propietaria de “La Pescadería de mi Barrio”, no Mercado de Teis en Vigo, cuxa aposta polas redes sociais e as TIC permitiulle enviar peixe durante o confinamento por todo Vigo e mesmo fóra da cidade; Mariví Álvarez, presidenta de AcuBam e viveirista socia de Viveiros Río Tollo, no que traballan un 90% de mulleres; Margot Cacabelos, avicultora e propietaria dunha granxa avícola en Cambados, que ten moi en conta a sustentabilidade e benestar animal; María González, panadeira e propietaria de Panadería Paulino en Rellas, Silleda, na que ela é xa a terceira xeración; Marina Álvarez, redeira en A Guarda e vicepresidenta da Asociación de Redeiras Atalaia dende a que están a loitar para que se lles aplique un coeficiente redutor para a xubilación; Susana González, percebeira-ouriceira, patroa maior da Confraría “La Anunciada” de Baiona, que destaca no vídeo da campaña a liberdade e independencia económica que lle outorga o seu traballo; María Luz García, gandeira e propietaria dunha explotación en A Silva, A Estrada, tamén ecolóxica e respectuosa co benestar animal; e Cristina Yagüe e María Falcón, viticultoras e propietarias de Anónimas Vicitultoras (Cambados), unha empresa cuxo nome rende homenaxe ás mulleres non recoñecidas do mundo do viño, sector tradicionalmente masculino.
“Elas son a forza do Nadal”, que inclúe vídeos e carteis inviduais, está moi ligada á campaña “Agora, máis que nunca, non perdamos a proximidade” que lanzou recentemente a Deputación de Pontevedra para apoiar ao comercio e ao produto local. Ambas iniciativas seguen ás que se impulsaron no mes de maio “Elixe comercio local” e “Pontevedra provincia na túa cesta”.