Redacción 28/11/2020

O R. C. Celta inaugurou hoxe sábado a primeira fase do polémico proxecto da cidade deportiva “Afouteza”, nun acto “no que primaron as medidas de seguranza e prevención” segundo o Concello. A totalidade do proxecto depende, porén, da aprobación definitiva dunha modificación puntual do PXOM promovida polo Concello ad hoc, á que se opón grande parte da veciñanza e a cal conta con importantes informes oficiais desfavorábeis por mor do seu impacto no entorno, polo que terá que ser redeseñada.

O evento, que tivo lugar un ano despois do acto de colocación da primeira pedra, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o presidente da RFEF, Luís Rubiales; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño. Un grupo reducido de persoas, entre eles representantes de diversas institucións e entidades deportivas, os capitáns do primeiro equipo e responsables dos medios de comunicación de Vigo asistiron á inauguración cun percorrido guiado polas instalacións.

Posteriormente, disputouse un partido entre os Xuvenís de División de Honra do Celta e o Deportivo. O clube incluíu un acto no que se plantou un carballo e se descubríu unha placa cunha mensaxe de compromiso co medio ambiente, en resposta, se cadra, ás protestas de ecoloxistas e veciños que se opoñen desde anos a este proxecto polas súas consecuencias para a protección do monte.

Tamén interviu a representante do Concello, Nidia Arévalo, para insistir no orgullo que supón para ela, como alcaldesa, que este proxecto do Celta estea tomando forma en Mos. Asegura que tal orgullo é compartido polos veciños, se ben é notoria a oposición de grande parte da veciñanza, e definiu o proxecto como “un neno que hoxe bota a andar e é unha gran herdanza dos mosense de hoxe para os de mañá”.

O proxecto contempla na súa totalidade a construción de nove campos de fútbol e un edificio que crecerá ao redor deles. As novas instalacións serán utilizadas polo primeiro equipo do R. C. Celta, que xa se adestra nelas desde o pasado xoves, e polas súas categorías inferiores, á vez que se constituirá un grande espazo comercial e de lecer. Os comuneiros de Tameiga aproveitaron o acto de hoxe para, unha vez máis, alertar dos riscos que supón este proxecto, pendurando unhas faixas na contorna das instalacións.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad